A Xunta reivindica cun estudo pioneiro a necesidade de integrar a perspectiva de xénero na prevención de riscos a bordo dos barcos de pesca

A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, e a xerente do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (Issga), Adela Quinzá-Torroja, participaron hoxe na presentación do traballo da Fundación para a Pesca e o Marisqueo (Fundamar)

A Xunta defende a eliminación de “barreiras de xénero” no sector do mar
 

Vigo, 2 de decembro de 2021

A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, destacou hoxe a importancia de integrar a igualdade e a perspectiva de xénero na prevención de riscos laborais no sector do mar na presentación do pioneiro Estudo integral con enfoque de xénero, na prevención de riscos laborais e necesidades preventivas nos buques pesqueiros apoiado pola Xunta.

Mancha defendeu que Galicia, unha comunidade onde o sector pesqueiro é indispensable e fundamental para a economía, está obrigada a desenvolver políticas de protección da muller. “Non debe haber barreiras para as mulleres en ningún sector nin en ningún posto de traballo”, especificou Mancha, quen puxo en valor o esforzo de Galicia para protexer, e sobre todo, para conseguir unha igualdade real.

A representante da Xunta, que pariticipou na presentación acompañada da xerente do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (Issga), Adela Quinzá-Torroja, amosou a súa preocupación por conseguir un ecosistema igualitario e protector coas mulleres e o estudo hoxe presentado é punto de partida a se converter na primeira análise para a detección de necesidades preventivas nos buques de pesca desde un enfoque de xénero.

Con este traballo, trátase de incidir na necesidade de adaptar a política preventiva á presenza de mulleres nos barcos á hora de evitar riscos e accidentes laborais. As únicas medidas deste tipo ata o momento poñían o foco na capacidade reprodutiva ou no propio estado biolóxico do embarazo.

A Xunta apoiou a elaboración do estudo, que parte da análise de todos os riscos, tanto ergonómicos como psicosociais, físicos e hixiénicos, para axudar á incorporación da perspectiva de xénero na xestión da prevención a bordo.

Grazas a este traballo, durante 2020 se identificaron os perigos aos que as mulleres están sometidas no desempeño das súas tarefas nos sector marítimo, que permitirá desenvolver campañas futuras de sensibilización e concienciación en igualdade no sector pesqueiro. Tamén se incidirá en incorporar esta perspectiva aos centros de formación marítimo-pesqueira, tanto para alumnado como para profesorado, coa finalidade de integrar o enfoque de xénero na información e formación en materia de prevención de riscos laborais e dar visibilidade e este traballo pioneiro.

Imaxes relacionadas