A Xunta apoia 30 iniciativas socioculturais que mobilizan preto de 1 millón de euros na cidade de Vigo a través do programa “O teu Xacobeo”

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, destacou hoxe a transversalidade da iniciativa que permite alcanzar o obxectivo desestacionalizador e descentralizador co que se abordou a adaptación da programación deste Xacobeo

O acto de balance, celebrado no albergue público de peregrinos Juan Manuel López-Chaves, contou coa presenza dunha trintena de entidades beneficiarias

Vigo, 2 de decembro de 2021

A delegada da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, participou esta mañá no acto de balance do programa “O Teu Xacobeo” promovido pola Xunta de Galicia para estender a programación sociocultural do Ano Santo a toda a sociedade. Unha iniciativa coa que Axencia de Turismo de Galicia apoiou 30 proxectos que permitiron mobilizar preto de 1 millón de euros na cidade de Vigo.
Fernández-Tapias subliñou o éxito do programa de “O Teu Xacobeo”, que tal e como expuxo “permítenos diversificar, entre moitos colectivos e a través de moitos pequenos actos, o impacto do Camiño e o valor deste Ano Santo bianual no que nos atopamos, incorporando centos de propostas á programación do Xacobeo”.
Segundo dixo, “trátase da maior convocatoria aberta de proxectos de dinamización sociocultural da historia de Galicia, o que permite espallar actividades en case todos os concellos da provincia implicando a asociacións, entidades públicas e privadas e que permitiron abordar o fenómeno do Xacobeo e do Camiño desde unha perspectiva multidisciplinar”.
“Esta iniciativa pretende incrementar a implicación a nivel local na celebración deste Ano Santo, facendo máis presentes os valores do Camiño na propia sociedade galega.”, apuntou a representante autonómica, para destacar que todos estes proxectos “contribuíron moito a converter a Galicia nun destino seguro e fiable, situando a nosa comunidade como a terceira en recuperación de viaxeiros e a segunda con maior recuperación da demanda hoteleira”.
Neste senso, a representante autonómica insistiu en que a Xunta segue a traballar para facer deste o mellor Xacobeo de todos os que se recordan, cunha potente programación de cara ao 2022 na que Vigo xogará un papel fundamental. Un compromiso que xa ten reflexo nos moitos eventos que se teñen respaldado ata o de agora baixo ao paraugas do Xacobeo 21-22 e entre os que citou o Vigo Porté-I Trofeo de Baile Internacional Xacobeo 21-22 ou a I Gala Internacional de Maxia Xacobeo 21-22.
“Un Xacobeo -dixo- que supón un aliciente nesta saída da crise sanitaria, no que ten cabida calquera disciplina artística, cultural, musical ou deportiva, e o mellor revulsivo para a recuperación turística”.
No acto celebrado no albergue público de peregrinos Juan Manuel López-Chaves, ante unha trintena de entidades, empresas e institucións beneficiarias deste programa e impulsoras de actividades socioculturais, interviñeron Aroa Vargas, impulsora do proxecto de divulgación e revalorización de Casas Rectorais do Camiño Portugués, e Alejandra Gómez do blog “Hasta la Vista”.

Imaxes relacionadas