Anxo M. Lorenzo destaca a contribución da Xunta por descentralizar a actividade cultural coa mellora dos equipamentos e instalacións do rural

O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e o delegado da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, visitan a biblioteca de Cenlle, unha das beneficiarias da liña de axudas de mellora de infraestruturas culturais

Estas subvencións inxectan este ano preto de 70.000 euros na provincia, nos concellos de Cenlle, Arnoia, Bande, Parada do Sil, Baños de Molgas e Pereiro de Aguiar
 

Cenlle (Ourense), 1 de decembro de 2021

O secretario de xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e o delegado da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, visitaron hoxe a biblioteca municipal de Cenlle, unha das 40 beneficiarias da orde de axudas da Xunta para mellorar o equipamento das instalacións e locais dos concellos destinados a actividades culturais para a que se destinan 500.000 euros en toda Galicia.

Trátase dunha iniciativa que o Goberno autonómico leva anos convocando para “descentralizar a actividade cultural a través da mellora dos equipamentos dos distintos concellos galegos e constatamos que así o estamos a acadar”, indicou. Neste sentido, referiuse a que só este ano, e ao abeiro destas axudas, a Xunta inxecta preto de 70.000 euros a mellorar equipamentos culturais da provincia de Ourense aos que, ademais de Cenlle, súmanse Arnoia, Bande, Parada do Sil, Baños de Molgas e Pereiro de Aguiar.
“Con este apoio económico estamos a contribuír a que os concellos se doten dos medios necesarios para executar as súas programacións e contar coas oportunas infraestruturas que lles permitan realizar as actividades culturais e garantir o servizo público que prestan á cidadanía tanto nos eidos rurais como urbanos”, indicou o representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade.

En concreto, no caso de Cenlle a Xunta contribúe a mellorar a súa biblioteca. Nestes momentos, o Concello está a dar un servizo máis eficaz aos veciños, para o que o ano pasado construíu un centro máis moderno tecnoloxicamente. Coa axuda concedida, de preto de 20.000 euros, dotarase á Biblioteca co equipamento necesario para a posta en funcionamento deste espazo. A proposta inclúe unha zona de recepción e atención ao público así como dotar de mobiliario para libros, mesas de consulta, cadeiras e equipamentos específicos para a zona infantil.