A Xunta aposta pola innovación e o emprendemento para activar e consolidar novas oportunidades de negocio

O director do Igape, Fernando Guldrís, asiste en Cartaxena ao Foro Anual das Axencias de Desenvolvemento Rexional (ADR), que alcanza a súa vixésima edición na procura de optimizar os servizos e apoios prestados a emprendedores e empresarios

Salienta o compromiso da Xunta coa competitividade e o emprendemento, con actuacións como as business factories vinculadas á automoción (BFAuto), o sector agroalimentario (BFFood) ou o aeroespacial (BFAero)

Cartaxena (Murcia), 1 de decembro de 2021

O director do Igape, Fernando Guldrís, asistiu hoxe á xornada de apertura do XX Foro das Axencias de Desenvolvemento Rexional (ADR), que se celebra en Cartaxena (Murcia), ata onde achegou o traballo que está a impulsar a Xunta de Galicia en campos como a competitividade e o emprendemento de cara a abrir e consolidar novas oportunidades de negocio.

Este foro, que se vén celebrando desde hai dúas décadas, permite ás Axencias de Desenvolvemento Rexional (ADR) españolas integradas na Asociación Española de ADR, entre as que se encontra o Igape, traballar e concretar os seus modelos de futuro, optimizando os servizos e apoios que prestan ás empresas e aos emprendedores.

Desta volta, as sesións de traballo céntranse en campos como o financiamento dunha innovación sostible, os hubs de innovación ou as novas escolas de emprendemento. Así, o Foro inclúe obradoiros específicos sobre ditas temáticas, ademais de sesións plenarias sobre diplomacia comercial e oportunidades nun mundo dixital.

Neste contexto, entre as boas prácticas que cada ano promove o Igape, cabe salientar a rede de aceleradoras que apoia o Goberno galego e da que forman parten programas como Agrobiotech, ViaGalicia, Galicia Open Future, Connecting For Good Galicia ou as business factories vinculadas á industria da automoción (BFAuto), o sector agroalimentario (BFFood) e o aeroespacial (BFAero).

Unhas actuacións que se complementan con outras como os espazos coworking destinados a emprendedores, que veñen de activarse un ano máis, e que contemplan distintas actividades e asesoramento, e están deseñados para aumentar as posibilidades de éxito de proxectos innovadores en fases temperás de desenvolvemento.

Os espazos coworking suman desde a súa posta en marcha en 2016 preto dun milleiro de participantes, contribuíndo á creación de máis de 380 empresas. Un traballo ao que suma o da mencionada rede de business factories, que no mesmo período recibiu máis de 760 proxectos que deron lugar á creación de máis de 70 empresas.

Neste contexto, durante a xornada de mañá o Igape achegará tamén aos participantes no foro as actuacións que se teñen impulsado no marco da actual pandemia da covid 19. Non en van, o programa do foro ten previsto abordar as experiencias consolidadas tras a covid 19, poñéndose en valor aqueles programas e ferramentas implantadas polas ADR para afrontar esta crise, como, no caso do Igape, as liñas de financiamento, os novos programas para a adaptación tecnolóxica das empresas como o Cheque Dixital, ou actuacións específicas como o ReAcciona Covid.

Imaxes relacionadas