A Xunta asesora ás pemes da comarca de Chantada para que aproveiten as oportunidades que achega a innovación

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, participou nun encontro con empresariado local organizado no marco da iniciativa Camiño da Innovación, que busca dinamizar os negocios dos municipios rurais

Chantada (Lugo), 1 de decembro de 2021

A Xunta de Galicia convoca hoxe ao empresariado da comarca de Chantada a participar na iniciativa Camiño da Innovación, que terá a oficina móbil instalada na praza de Galicia ata as seis da tarde para ofrecer asesoramento personalizado ás pemes que queiran achegarse.

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, participou nun encontro con empresarios no que se deron a coñecer casos de éxito de empresas que demostran que a innovación se pode aplicar en calquera sector e tipoloxía de empresa ( microempresa, pequena e mediana).

Este espazo itinerante xa realizou outras tres paradas na provincia de Lugo e para o vindeiro 9 de decembro finalizará a campaña en Meira. En cada etapa ofrece asesoramento personalizado a pemes por parte de técnicos da Axencia Galega de Innovación (Gain) para analizar as oportunidades de innovar e como facelo a través de ferramentas que funcionan noutras firmas similares.

O obxectivo é axudar a cada negocio a elaborar unha folla de ruta para poñer en marcha plans de acción que se materialicen en resultados tanxibles. “De xeito especial este programa da Xunta busca dinamizar o tecido empresarial dos municipios rurais”, dixo Arias, quen afirmou que “desde calquera concello unha peme pode apostar por iniciativas innovadoras para medrar e ser máis competitiva”.

Esta acción inscríbese no Programa de Impulso á Innovación nas Pemes posto en marcha pola Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, dotado con 12M€ para axudar ás pemes e microempresas galegas a investir en innovación. A través das distintas actuacións, tratarase de promover que as empresas inicien a senda da competitividade baseada no coñecemento.

Imaxes relacionadas