A conselleira de Política Social, Fabiola García, acompañada do delegado da Xunta, Javier Arias, visitou este servizo pioneiro na provincia de Lugo

A Xunta crea dez novas prazas de atención a persoas con trastorno dual no complexo asistencial de Castro de Rei por un importe de 230.000 euros anuais

Fabiola García salientou que con elas as prazas públicas de atención dual en Galicia increméntanse nun 10% ata chegar ás 110

Castro de Rei (Lugo), 1 de decembro de 2021

A conselleira de Política Social, Fabiola García, acompañada do delegado da Xunta, Javier Arias, salientou hoxe nunha visita ao complexo asistencial de Castro de Rei a creación polo Goberno galego de dez novas prazas de atención a persoas con trastorno dual por un importe de 230.000 euros anuais. Esta é a primeira unidade de atención dual, un servizo que atende a persoas con discapacidade intelectual e enfermidade mental, da provincia de Lugo.

Fabiola García subliñou a importancia da creación destas novas prazas, dunha tipoloxía moi específica, xa que requiren de moitos medios técnicos e de persoal altamente cualificado en disciplinas como a psiquiatría, a fisioterapia, a psicoloxía ou a terapia ocupacional, entre outras.

Neste sentido, destacou que con esta decisión se está a dar resposta a unha demanda no eido da atención á discapacidade. Deste xeito, o investimento achegado polo Goberno galego permite incrementar nun 10% as prazas de atención a persoas con trastorno dual en Galicia ata chegar ás 110.

Ademais, a conselleira de Política Social puxo en valor a colaboración da Administración autonómica con entidades sociais como Fudace e Cruz Vermella, que xestionan este complexo e que traballan a diario na atención a persoas con discapacidade, ademais de ofrecer apoio continuo aos seus familiares.

Imaxes relacionadas