A Xunta aumenta a oferta de conciliación e atención infantil na provincia de Pontevedra coa apertura da casa niño de Cuntis

O delegado territorial, Luis López, e o director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, visitaron esta nova instalación, emprazada na antiga escola unitaria de Arcos de Furcos, co alcalde, Manuel Campos

A Consellería de Política Social outorgou á súa promotora, Mabel Deza Ferreira, unha axuda de 15.000€ para a adecuación do recinto, que se completou con 21.000€ do Concello, e disporá dunha achega anual de máis de 20.000€ para os gastos de funcionamento

A casa niño, que pretende favorecer a conciliación en zonas rurais sen escola infantil, atenderá a un máximo de cinco cativos de ata tres anos de idade cun formato de proximidade e atención especializada
 

Cuntis, 1 de decembro de 2021

A Xunta, a través da Consellería de Política Social, vén de aumentar a oferta de conciliación familiar e atención infantil na provincia coa recente apertura da casa niño de Cuntis, que é a sexta emprazada en Pontevedra tras as postas en marcha, dende o ano 2017, nos concellos da Lama, Fornelos de Montes, Pazos de Borbén (2) e Dozón.

Con motivo da súa activación, o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, e o director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, realizaron unha visita esta mañá a esta nova instalación, emprazada na antiga escola unitaria da Gándara, na parroquia de Arcos de Furcos, xunto ao alcalde de Cuntis, Manuel Campos, e membros do goberno local.

“A Xunta demostra con feitos o seu apoio ao mundo rural e, coas novas casas niño, coas que pretendemos dar unha solución práctica e sostible á conciliación, xa roldamos o cento en toda a comunidade, situadas principalmente nas provincias de Lugo e Ourense pola súa maior despoboación, pero das que xa dispoñemos de seis na provincia de Pontevedra con esta incorporación de Cuntis para dar este necesario servizo nos concellos máis rurais e de interior que carecen dunha escola infantil”, sinalou o representante autonómico.

A Consellería de Política Social aprobou o proxecto para a casa niño de Cuntis presentado pola súa promotora, Mabel Deza Ferreira, e outorgoulle unha axuda de 15.000 euros para investir na adecuación do recinto, que se completou con 21.000 euros do Concello de Cuntis, ao tempo que disporá dunha achega anual de máis de 20.000 euros para os seus gastos de funcionamento.

A casa niño, como as outras 13 aprobadas en Galicia nesta derradeira convocatoria, pretende favorecer a conciliación familiar e laboral e a atención infantil de 8.00 a 16.00 horas en zonas con poucos cativos e atenderá a un máximo de cinco cativos de ata tres anos de idade baixo un formato de proximidade e atención especializada.

A Consellería de Política Social destina preto de 1,3 millóns de euros, financiados co Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder Galicia), para a apertura e posta en funcionamento das 14 novas casas niño en toda a comunidade co obxectivo de contar cunha rede cun cento de instalacións.
 

Imaxes relacionadas