A Xunta e o concello de Larouco impulsan a creación dun polígono agroforestal de 136 ha en Freixido para o cultivo de vides, cerdeiras e castiñeiros

Tal e como está concibida a figura, implicaría un total de 1.227 parcelas de 517 propietarios

José González destacou que a actividade agroforestal proxectada ao abeiro deste polígono non só permitirá xerar actividade económica e fixar poboación neste concello ourensán, senón tamén anticiparse aos incendios
 

Larouco (Ourense), 1 de decembro de 2021

A Xunta e o Concello de Larouco están a impulsar a creación dun polígono agroforestal de 136 hectáreas na parroquia de Freixido, ao abeiro da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia. Así o destacou o conselleiro do Medio Rural, José González, na propia localidade ourensá, onde participou na primeira edición de Facer Galicia Rural acompañado pola directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, e pola alcaldesa de Larouco, Patricia Lamela.

En concreto, o polígono agroforestal de Freixido está proxectado nun total de 1.227 parcelas pertencentes a 517 propietarios. Tal e como está concibido e solicitado polo Concello de Larouco, destinaríase a cultivos leñosos, concretamente, á plantación de vides, cerdeiras e castiñeiros.

O anuncio deste novo polígono fíxose no marco da primeira edición de Facer Galicia Rural, unha serie de eventos que irán percorrendo a nosa comunidade para dar a coñecer as accións que se están a promover co gallo de recuperar actividade agraria e fixar poboación no rural. Nesa liña, José González referiuse á Lei de recuperación como unha caixa de ferramentas para poñer en valor terras en estado de desuso e á figura dos polígonos agroforestais, que contará cun maior impulso no vindeiro ano, ao abeiro desta nova norma.

Deste xeito, o titular de Medio Rural sinalou que os polígonos agroforestais non só permiten poñer en valor parcelas en situación de abandono ou infrautilización, senón que van aparellados de xeito prioritario ás producións de proximidade distinguidas pola súa calidade e á remuda xeracional no agro. Así, apostan pola volta á produción de grandes áreas de terra potenciando os tres usos do chan (agrario, gandeiro ou forestal) segundo o tipo de cultivo máis acaído ou con maior tradición en cada zona, como é o caso -dixo- do polígono proxectado en Larouco. A iniciativa pode ser da Administración ou de particulares, requirindo o acordo de propietarios (ou representantes dos dereitos de uso) de cando menos o 70 % da superficie do perímetro do proxecto.

Na súa intervención, o conselleiro referiuse ás 14 aldeas modelo xa aprobadas e á decena de polígonos agroforestais impulsados -aos que agora se suma o de Freixido- como iniciativas que permiten ademais avanzar na anticipación aos incendios forestais. Nese sentido, apelou ao consenso para unir esforzos e previr os lumes, con medidas como as concibidas pola Xunta para poñer a traballar a terra, evitando o abandono e contribuíndo a atallar, así, os incendios.

Tamén fixo alusión á calidade, á singularidade e á diferenciación no marco dos polígonos agroforestais, co fin último de darlle impulso ás prácticas máis senlleiras da nosa terra. Nesa dirección, concluíu aseverando que “facendo Galicia Calidade tamén facemos Galicia rural”.
 

Imaxes relacionadas