A Xunta contribúe á proxección dos novos talentos da música clásica no X Concurso de Corda Cidade de Vigo

Anxo M. Lorenzo salienta o potencial galego con preto de 10.500 alumnos nas ensinanzas artísticas, dos que case o 30% realizan estudos superiores

Refírese ao compromiso do Goberno autonómico con esta formación “para que atopen neste tipo de ensinanza un presente pero tamén un futuro”

O certame celebrarase do 3 ao 6 de decembro no Conservatorio Superior de Música de Vigo e participarán preto de 100 estudantes de violín, violonchelo ou contrabaixo
 

Vigo, 1 de decembro de 2021.- O secretario de xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe na presentación do X Concurso de Corda Cidade de Vigo, organizado pola Asociación Galega de Instrumentos de Corda co apoio da Xunta de Galicia. Trátase dunha iniciativa na que, como expresou, “se impulsará a proxección dos novos talentos galegos da música clásica, que teñen amosado o seu enorme potencial nos últimos anos”.
O representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, valorou o compromiso e “tenacidade e esforzo” dos promotores deste concurso que nos seus 10 anos de vida “conseguiu recoñecer o traballo de moitos estudantes que agora mesmo están dedicándose profesionalmente á música. Chegaron a converter este concurso nun verdadeiro trampolín para o recoñecemento dos máis novos”. Neste sentido, recordou a aposta do Goberno autonómico coas ensinanzas artísticas “como parte fundamental dunha formación de calidade” que axude a “crear unha canteira de grandes profesionais da cultura galega”.
Anxo M. Lorenzo indicou que o “forte sistema cultural galego atopa na ensinanza artística un presente pero tamén un futuro ao que dedicarse”. De feito, a Comunidade galega conta co modelo de educación artística máis accesible, coas taxas máis baixas de todo o país e con preto de 10.500 alumnos, dos que case o 30% son de ensinanzas artísticas superiores.
Conservatorio de Vigo, un referente
Como dixo, moitos deles están estudando no Conservatorio Superior de Música de Vigo, no que a Xunta mantén o seu compromiso educativo cun investimento superior aos 1,2M€ para a súa rehabilitación integral no marco do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, a folla de ruta do Goberno autonómico para transformar os centros educativos ás novas necesidades postpandemia.
Anxo M. Lorenzo fixo mención tamén á súa pegada internacional ao terse convertido nun centro pioneiro a nivel de Estado pola súa aposta decidida pola mobilidade e a súa aposta na especialización técnica.
Concurso ata o luns
A décima edición do Concurso de Corda Cidade de Vigo celebrarase do 3 ao 6 de decembro no Conservatorio Superior de Música de Vigo. Participarán 76 estudantes de corda, 16 destes procedentes de distintas localidades portuguesas. Entre os españois, o alumnado concursante representa a 24 provincias diferentes.

Poderán participar todos os novos violinistas, violenchelistas e contrabaixistas que cursen ou cursaran estudos de música en institucións de educación musical públicas ou privadas de España ou Portugal. Constará de dúas roldas nas súas distintas categorías e as audicións serán públicas e retransmitidas por streaming na páxina de Facebook da Asociación Galega de Instrumentos de Corda. Para a última xornada, a organización prepara un concerto no que actuarán todos os gañadores, aberto ao público con entrada de balde ata completar aforo. As horas de cada unha das audicións e a información do certame pode consultarse na web da asociación.