A Xunta adxudica por 784.000 euros a execución da urbanización da primeira fase do Plan Director do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol

As obras comezarán á volta das festas do Nadal e terán un prazo de 8 meses

Trátase de dotar de acceso viario ao exterior da planta soto -2 proxectada na reforma deste complexo hospitalario

Construirase un novo acceso coa creación dunha vía de servizo e a reordenación do tramo a través da substitución do aparcadoiro actual por aparcamentos en liña

A Xunta segue a traballar no reforzo e renovación das infraestruturas hospitalarias de Galicia, reservando nos Orzamentos de 2022 máis de 14,5 M€ para a continuación das obras de ampliación e reforma do Hospital Público de Ferrol

Santiago de Compostela, 1 de decembro de 2021

A Xunta adxudica por 783.917 euros a execución das obras de urbanización da primeira fase do Plan Director do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol.

Os traballos, adxudicados á empresa F. Gómez y Cía. S.L. prevén iniciarse á volta das festas do Nadal e terán un prazo de 8 meses.

Con esta actuación trátase de dotar de acceso viario ao exterior da planta soto -2 proxectada na reforma do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol.

Este novo andar das instalacións sanitarias estará destinado a prestar servizos auxiliares do hospital como lavandería ou restauración.

A execución do acceso debe de ser compatible coa circulación actual, que se dirixe en ambos os sentidos ao longo da vía existente, non podendo modificar o ancho da sección tipo e mantendo as beirarrúas existentes, que serven de itinerario accesible.

Para isto, acometerase un novo acceso coa creación dunha vía de servizo e a reordenación do tramo a través da substitución do aparcadoiro actual por aparcamentos en liña.

A nova vía de servizo, dada a cota de implantación do soto -2, suporá a modificación da cota de rasante actual da vía esquerda.

Os traballos consistirán en realizar un desmonte ao lado esquerdo para adaptar a rasante do viario de servizo, xerando un muro de contención para a vía principal que manterá a cota de rasante actual permitindo a circulación nas mesmas condicións que na actualidade.

Ademais será preciso repoñer servizos urbanos como o alumeado, a telefonía, o abastecemento, o saneamento, a liña eléctrica de media tensión e a condución de gas.

A Xunta seguirá traballando pola sanidade pública e no reforzo e renovación das infraestruturas hospitalarias de Galicia, reservando nos Orzamentos de 2022 máis de 14,5 M€ para a continuación das obras de ampliación e reforma do Hospital Público de Ferrol, ou unha partida de 1 M€ para continuar coa mellora do firme e da accesibilidade nos centros hospitalarios da provincia.