Galicia busca contribuír ao novo modelo enerxético a través da cooperación entre cidadanía, pemes e administracións

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, destaca nunha xornada sobre comunidades enerxéticas locais organizada polo Instituto Tecnolóxico de Galicia na Coruña que este tipo de iniciativas favorecen o desenvolvemento social e económico do territorio, axudando a crear emprego e fixar poboación no rural

A Xunta, a través do Inega, conta con varias liñas de axudas que suman 37 millóns de euros para investimentos en renovables, autoconsumo e almacenamento enerxético das que as comunidades enerxéticas locais poden ser beneficiarias

O 50% dos proxectos da candidatura galega aos fondos Next Generation céntranse en actuacións vinculadas coa transición enerxética, a economía circular ou a mobilidade sustentable
 

Santiago de Compostela, 1 de decembro de 2021

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, subliñou hoxe durante a súa participación na xornada Comunidades Enerxéticas Locais, organizada polo Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG), que Galicia busca contribuír ao novo modelo enerxético a través da cooperación entre cidadanía, pemes e administracións.

Neste sentido, destacou que as comunidades enerxéticas locais favorecen o desenvolvemento social e económico do territorio, axudando a crear emprego e fixar poboación no rural. O vicepresidente económico sinalou na súa intervención que en Galicia este tipo de iniciativas son unha realidade que se está a materializar pouco a pouco, coa intelixencia tecnolóxica que achegan centros de coñecemento como o Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG).

Conde apuntou que cada día é máis evidente que a cidadanía, o tecido empresarial e os concellos galegos queren contribuír ao novo modelo enerxético de xeito cooperativo, constituíndose como unha comunidade produtora e consumidora da súa propia enerxía de orixe renovable.

Entre as vantaxes destas iniciativas están que, ademais de rebaixar os custos enerxéticos dos socios, permiten aproveitar os recursos renovables aí onde están. E tamén que contribúen ao desenvolvemento social e económico do territorio onde se desenvolven, axudando á creación de emprego e á fixación de poboación do rural, reducindo o consumo enerxético e as emisións, e aumentan a independencia enerxética fronte ás tensións que se están a producir no prezo da enerxía.

As comunidades enerxéticas locais configúranse así, tal e como subliñou o responsable de Economía, Empresa e Innovación, como unha vía para mitigar a volatilidade do prezo eléctrico e para mobilizar capital privado cara aos obxectivos de transición enerxética. Neste sentido, Conde destacou que o papel como administración ten que ser impulsar este tipo de proxectos. Así, o Inega conta con varias liñas de axudas que suman 37 millóns de euros para investimentos en renovables, autoconsumo e almacenamento enerxético das que as comunidades enerxéticas locais poden ser beneficiarias.

O vicepresidente económico destacou tamén a candidatura galega aos fondos Next Generation, na que o 50% dos proxectos se centran en actuacións vinculadas coa transición enerxética, a economía circular ou a mobilidade sustentable. Apuntou que a clave está nas enerxías renovables, no autoconsumo, na mellora da eficiencia enerxética e nos avances tecnolóxicos en materia de almacenamento enerxético.

Segundo Conde, estes son os eidos nos que hai que seguir traballando para impulsar unha transición enerxética en Galicia que sexa sinónimo de transformación e oportunidade. Un acicate para o desenvolvemento de novas industrias e dunha nova industria máis tecnolóxica e sustentable.

 

Imaxes relacionadas