Sanidade destaca o traballo do persoal do Plan galego anti VIH, dos profesionais sanitarios e das entidades sen ánimo de lucro na loita contra a sida

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, preside o acto de entrega de premios de investigación sobre o VIH e outras infeccións de transmisión sexual, poñendo en valor “os nosos centros de investigación de vangarda, que contribúen a que Galicia sexa unha comunidade de referencia no coñecemento destas infeccións”

Santiago de Compostela, 1 de decembro de 2021

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, presidiu hoxe, con motivo da celebración do Día Mundial da Sida, a entrega de premios de investigación sobre o VIH e outras infeccións de transmisión sexual, que concede o departamento sanitario galego. No acto, que foi inagurado pola directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, o titular da carteira sanitaria do Executivo galego agradeceu aos gañadores o seu traballo de divulgación e de mellora do coñecemento científico do VIH. Tamén agradeceu o traballo de todo o persoal do Plan galego anti VIH e outras infeccións de transmisión sexual, dos profesionais sanitarios, das entidades sen ánimo de lucro, e de todas as persoas que lle dan visibilidade á loita contra a sida.
Os premios poñen en valor, -dixo o conselleiro-, “os nosos centros de investigación de vangarda, que contribúen a que Galicia sexa unha comunidade de referencia no coñecemento destas infeccións”.

Tamén destacou que, tal e como recolle o informe anual sobre a situación do VIH en Galicia do ano 2020, a incidencia da infección está en Galicia por baixo da cifra nacional. Así, en 2020 diagnósticáronse 105 novos casos de infección polo VIH e 23 de sida, e atendendo á evolución dos últimos oito anos, estase a apreciar unha tendencia á diminución no número anual de casos, de 225 en 2012 aos 105 de 2020.

Na nosa comunidade están a tratamento antirretroviral un total de 5.725 galegos e, grazas a esta terapia, as persoas con VIH poden vivir coa infección de maneira crónica e cunha calidade e prognóstico de vida moi similar ao de calquera outra non infectada.

Aínda que os avances foron grandes, -proseguíu o conselleiro-, quedan moitos retos por conseguir, entre eles o de mellorar o diagnóstico precoz. Ao respecto, Galicia puxo en marcha o Programa de probas rápidas, de carácter gratuíto, anónimo e accesible, e en nove anos realizáronse máis de 8.000, que permitiron detectar máis de 120 casos. Tal e como destacou o conselleiro, dende o ano 2009 a sanidade pública galega destinou máis de 50 millóns de euros anuais na atención de pacientes galegos infectados polo VIH.

García Comesaña tamén subliñou que “é da man das entidades sociais como máis e mellores resultados se pode obter”. Así, nos últimos 12 anos, a Administración autonómica destinou máis de 2,6 millóns de euros en axudas. Estas organizacións que, -tal e como recordou o conselleiro-, son “sobre as que recae o papel tan importante da concienciación e o desenvolvemento de programas de prevención do VIH e doutras ITS, así como o de sensibilización da cidadanía”.

Premiados

Os premios hoxe entregados foron, o segundo accésit, para Alejandro Ismael Lorenzo Pouso, polo artigo titulado: Niveis de concienciación sobre a relación entre o cancro orofarínxeo e a infección polo VPH entre mulleres españolas: un estudo transversal hospitalario.

O primeiro accésit foi para Luis Margusino Framiñán, co artigo titulado: Eficacia e seguridade de Sofosbuvir/Velpatasvir +- Rivarina versus Glecaprevir/Pibrentasvir en pacientes infectados polo virus da Hepatite C do xenotipo 3.

O segundo premio foi para Eva Poveda López, polo artigo: Liberación masiva de microvesículas CD9+ na infección polo VIH, independentemente do control virolóxico.

Polo que atinxe ao primeiro premio, foi para Tamara Gómez Dacoba, co artigo: Retos tecnolóxicos no desenvolvemento preclínico dunha candidata a nanovacuna contra o VIH.

Previamente á entrega dos premios de investigación, procedeuse á lectura do manifesto do Día Mundial. Posteriormente, a xefa do servizo de control de enfermidades transmisibles, Susana Miras, presentou o informe epidemiolóxico anual da infección polo VIH-Sida. Seguidamente, tivo lugar unha mesa de comunicacións orais de traballos de investigación sobre o VIH e outra ITS, moderada pola subdirectora xeral de Información sobre Saúde e Epidemioloxía, Marta Piñeiro.

Imaxes relacionadas