A Xunta remata as obras de mellora e adecuación funcional do edificio do servizo de mobilidade na Coruña, nas que investiu preto de 500.000 euros

A intervención tiña como principal obxectivo mellorar as condicións de traballo dos 30 empregados do Servizo Provincial de Mobilidade, así como a atención aos cidadáns que acoden ás instalacións a realizar xestións

Destaca a recuperación da cuberta plana orixinal e a integración e o respecto á contorna no exterior do edificio, por onde pasa o Camiño Inglés, adecuando as xanelas, portalóns, cuberta e cores da fachada aos requirimentos de Patrimonio

Reparouse a estrutura de formigón, tratouse a fachada e mellorouse a instalación eléctrica, ademais da mellora do illamento para solucionar os problemas de humidades por mor da condensación, substituíndo todas as ventás
 

A Coruña, 1 de decembro de 2021

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, achegouse hoxe ao edificio do servizo de Mobilidade na Coruña cuxas obras de mellora, acondicionamento e adecuación funcional veñen de rematarse, logo dun investimento da Xunta de preto de 500.000 euros.

Vázquez Mourelle, xunto co delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, e o director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, supervisou as actuacións realizadas neste edificio para mellorar as condicións de traballo dos 30 empregados do Servizo Provincial de Mobilidade, así como a atención aos cidadáns que se desprazan ás instalacións a realizar xestións.

A conselleira, que conversou cos traballadores antes de percorrer as instalacións, comprobou, xa no exterior, a recuperación da cuberta plana orixinal do edificio, unha das intervencións máis características das levadas a cabo.

Tamén destaca a integración e o respecto á contorna na intervención deste edificio, ao carón da traza do Camiño Inglés, polo que a adecuación do acabado da envolvente se realizou seguindo as directrices da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural. A este coidado da contorna responde a elección das xanelas, portalóns, cuberta e as cores da fachada.

Os traballos de acondicionamento do edificio do servizo de Mobilidade na Coruña incluíron a reparación da estrutura de formigón, o tratamento dos perfís de aceiro na fachada e a mellora da rede de pluviais e da instalación eléctrica.

Tamén se actuou sobre o illamento para solucionar os problemas de humidades que se viñan producindo por mor da condensación. A intervención incluíu a substitución de todas as ventás do edificio, así como a colocación de 36 radiadores térmicos cerámicos.

Os falsos teitos foron demolidos e substituídos por unhas estruturas novas de escaiola.

No que se refire á mellora da accesibilidade, transformouse o montacargas existente nun ascensor. Ademais, substituíuse a porta da entrada por outra nova con follas asimétricas, para facilitar o paso de persoas con mobilidade reducida.

De xeito complementario, executáronse obras menores en materia de electricidade e fontanería nos aseos: arranxáronse os sistemas de secado de mans ou os interruptores e repuxéronse billas, chaves de paso ou cisternas.

A intervención incluíu tamén o pintado xeral do interior do edificio, especialmente nas zonas afectadas polas obras.
 

Imaxes relacionadas