A Xunta inviste 419.000 euros para completar a renovación de beirarrúas en Castro Ribeiras de Lea, no concello de Castro de Rei

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, explicou que a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade licita hoxe esta obra, que terá un prazo máximo de execución de oito meses

Empatará co tramo xa reformado o pasado ano entre o núcleo urbano e o camposanto, preto de Duarría

As empresas interesadas na execución dos traballos teñen de prazo ata o 27 de decembro para presentar as súas ofertas
 

Castro de Rei (Lugo), 1 de decembro de 2021

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade licitou hoxe as obras de renovación de beirarrúas en Castro Ribeiras de Lea, no municipio de Castro de Rei, en preto dun quilómetro de lonxitude dende o centro -á altura da Praza de Galicia- ata a saída do núcleo urbano en sentido Abadín.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, explicou que o orzamento de licitación ascende a 419.472 euros e o prazo máximo previsto de execución será de oito meses. As empresas interesadas na execución destes traballos teñen de prazo ata o 27 de decembro para presentar as súas ofertas.

A actuación realizarase na travesía da estrada autonómica LU-113, en concreto entre os puntos quilométricos 5,070 e 6, e vén a completar os traballos realizados o pasado ano no tramo comprendido entre os quilómetros 3,820 -á altura do camposanto, preto de Duarría- e 5,070, cun investimento de 266.500 euros. En total, apuntou o delegado, a Xunta destina 686.000 euros á renovación integral acometida nas dúas fases.

As novas beirarrúas construiranse cunha anchura igual ou superior a 1,80 metros en toda a lonxitude. Regularizarase a superficie e estenderase unha nova capa de zahorra e outra de formigón, sobre a que se asentará a baldosa hidráulica antideslizante. Ampliaranse e trasladaranse os sumidoiros ás zonas de ampliación e tamén se mellorarán os accesos aos garaxes, entre outras medidas.

Arias destacou que esta actuación “mellorará a seguridade para os peóns, especialmente nos puntos que se ensanchan porque presentaban dificultade de paso para as persoas con mobilidade reducida ou carros de bebé, entre outros supostos”. Neste sentido, indicou que o tránsito peonil en ambas marxes da travesía é moi intenso porque acolle numerosos servizos, comercios e dotacións, “o que fai necesario proporcionar á poboación estruturas de paso en bo estado, que permitan unha circulación segura, illada dos vehículos, nas axeitadas condicións de accesibilidade, comodidade e estética”.
 

Imaxes relacionadas