O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, participou hoxe na Coruña na sinatura do convenio para a elaboración do Plan director e a constitución da estrutura de cogobernanza

A Xunta destaca que a unidade de acción fará da Cidade das TIC un revulsivo da economía galega

O Goberno galego, o Clúster TIC, a Deputación da Coruña, o Concello e a Universidade destinan 180.000 euros a sentar as bases deste proxecto a través do deseño da súa folla de ruta e o establecemento do cadro de mando

O obxectivo é desenvolver un polo tecnolóxico e de innovación dixital referente a nivel nacional e internacional

Conde subliña que se trata dun proxecto prioritario para Galicia que aspira a contar co apoio do Goberno central a través dos fondos europeos Next Generation
 

A Coruña, 1 de decembro de 2021

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, destacou esta mañá que a unidade de acción a nivel institucional e empresarial fará da Cidade das TIC un revulsivo da economía tanto da comarca coruñesa como de Galicia no seu conxunto. Conde participou esta mañá na sinatura do convenio entre a Xunta, a Deputación da Coruña, o Concello, a Universidade e o Clúster TIC para a elaboración do Plan director e a constitución da estrutura de cogobernanza da Cidade das TIC.

Na súa intervención, Conde explicou que este convenio xorde da colaboración público-privada co obxectivo de asegurar a viabilidade e sustentabilidade deste proxecto que aspira a converterse, desde a antiga Fábrica de Armas da Coruña, nun polo tecnolóxico e de innovación dixital referente a nivel nacional e internacional. Dotado con 180.000 euros (dos que a Xunta achega 36.000 euros a través do Igape), o acordo pretende sentar as bases da colaboración para materializar este proxecto no menor tempo posible, establecendo tanto unha folla de ruta como o cadro de mando.

O vicepresidente económico deixou constancia do compromiso da Xunta de Galicia coa Cidade das TIC, un dos proxectos incluídos na candidatura galega co que se agarda obter o apoio do Goberno central a través dos fondos europeos Next Generation e co que se pretenden mobilizar 55M€ para implantar un campus tecnolóxico, unha incubadora de alta tecnoloxía, un centro demostrativo de servizos avanzados, un centro de formación, así como ofrecer espazo ás empresas.

Neste sentido, a Administración autonómica xa concedeu 4,82M€ para impulsar o Centro de Servizos Avanzados -dentro do programa galego de impulso aos centros de fabricación avanzada- para a posta en marcha de laboratorios en materia de intelixencia artificial ou internet das cousas. Ademais a Xunta vén de autorizar a sinatura dun convenio co Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG) por importe de 1,16M€ (dos que a Xunta achega 580.000) para implantar na Cidade das TIC a infraestrutura Galaxy-Lab, que actuará como centro de experimentación de vehículos aéreos non tripulados en contornas urbanas, o que permitirá de paso complementar o labor do Polo Aeroespacial de Galicia.

Conde amosou a súa confianza en que a Cidade das TIC, que xunto co Polo de Tecnoloxías Cuánticas lideran o Plan estratéxico para o sector TIC, sexa a resposta que o tecido empresarial precisa para abordar a transición dixital.
 

Imaxes relacionadas