A Xunta apoia con máis de 2,6 millóns de euros desde 2009 ás entidades que desenvolven actividades de prevención do VIH

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, visita Cáritas Santiago, unha das 30 entidades que teñen recibido nestes anos axudas da Xunta para actividades de prevención desta enfermidade

Na véspera do Día Mundial da Loita contra a Sida, lembra que, se ben a incidencia do VIH en Galicia pasou de 225 casos en 2012 a 105 en 2020, máis de 5.725 persoas recibiron tratamento antirretroviral o pasado ano
 

Santiago de Compostela, 30 de novembro de 2021

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, visitou hoxe a sede de Cáritas Santiago, para interesarse polo labor que esta entidade realiza a través do seu programa ‘Corazón Vermello’, que recibiu da Xunta de Galicia unha achega de 108.000 euros para o período 2019-2022, mediante a convocatoria de subvencións para proxectos de saúde pública no campo do VIH/sida e outras infeccións de transmisión sexual (ITS).

Estas subvencións achegaron, desde o ano 2009, nas súas sucesivas convocatorias, máis de 2,6 millóns de euros a 30 entidades privadas sen ánimo de lucro de Galicia, para desenvolver campañas de concienciación e programas de prevención do VIH e outras ITS entre colectivos de especial risco ou nas redes sociais e aplicacións de contactos, así como realización de probas rápidas do VIH para promover o diagnóstico precoz, fomento do uso de profilácticos e outras actividades de educación para a saúde sobre hábitos sexuais saudables ou programas de loita contra o estigma e discriminación das persoas afectadas.

En particular, o programa ‘Corazón Vermello’ desenvolvido por Cáritas Diocesana de Santiago de Compostela, traballa con persoas con exclusión social ás que, pola súa situación, os sistemas sanitarios teñen moita dificultade para acceder.

Asi, realiza obradoiros sobre saúde sexual dirixidos á mocidade en situación de exclusión social, concienciando sobre condutas de risco e facilitando e difundindo acceso a información e preservativos. Por outra banda, desenvolve actividades de prevención do VIH entre as mulleres en contextos de prostitución, ofrecendo acompañamento e información sociosanitaria, orientación e asesoramento en saúde, prevención contra enfermidades e infeccións de transmisión sexual e información sobre o VIH e a proba rápida. Finalmente, este programa realiza, tamén, apoio a persoas enfermas de VIH/SIDA e ás súas familias, con actividades de concienciación para deixar de desenvolver condutas de risco que son transmisoras do VIH e colaborando no seu control e seguimento médico, así como da súa adherencia ao tratamento.

Desde 2009, as actividades de Cáritas Diocesana de Santiago para a prevención do VIH e a atención sociosanitaria das persoas enfermas, recibiron preto de 230.000 euros nas sucesivas convocatorias de subvencións realizadas pola Xunta de Galicia.

Situación do VIH en Galicia

Na véspera do Día Mundial da Loita contra a Sida, o conselleiro lembrou os datos do informe anual sobre a situación do VIH en Galicia do ano 2020, que reflicten que, no período 2004-2020, a incidencia de infección polo VIH é de 6,5 casos por 100.000 habitantes, o que sitúa a Galicia por baixo da incidencia anual española, que é de 10 infeccións. De feito, nos últimos oito anos estase a apreciar unha tendencia á diminución da incidencia do VIH en Galicia, que pasou de 225 casos en 2012 a 105 en 2020, situándose sempre por baixo dos 7 casos ao ano por 100.000 habitantes (3,9 casos ano en 2020.

Porén, García Comesaña lembrou que no ano 2020 había 5.725 persoas a tratamento antirretroviral en Galicia, polo que é imprescindible continuar con medidas de concienciación, prevención e diagnóstico precoz como as que efectúan entidades como Cáritas. Ao longo dos anos, e sen variacións anuais significativas, o 48 % dos novos diagnósticos de infección presentan diagnóstico tardío e no patrón epidemiolóxico da transmisión do virus segue a predominar a vía sexual, cun 80 % dos casos.

Nese sentido, a Xunta continúa con campañas preventivas que promoven o sexo seguro na nosa Comunidade. Entre elas, inclúense as de difusión de mensaxes preventivas a través das redes sociais, o Programa de promoción do preservativo que distribúe gratuitamente este material a través de entidades colaboradoras, ou o programa Xente con Don que proporciona ao alumnado de 3º e 4º da ESO, bacharelato e formación profesional (grao básico e medio) coñecementos básicos sobre as principais infeccións de transmisión sexual (ITS) e medidas de prevención respecto delas.

Outras iniciativas do Goberno galego na prevención do VIH que se seguen a desenvolver na actualidade son o Programa de intercambio gratuíto de xiringas e o Programa de venda subvencionada de kits de inxección hixiénica, que reduciron, dun xeito importante, a aparición de novos casos de VIH asociados á vía de compartir material de inxección de drogas.

Respecto ao fomento do diagnóstico precoz do VIH, a Xunta de Galicia desenvolve o Programa de probas rápidas, de carácter gratuíto e anónimas, que están accesibles a través de entidades colaboradoras situadas nas catro provincias galegas. Desde o comezo do programa (2011 a 2020) fixéronse 8.358 probas rápidas, das cales 125 foron positivas (1,5 %).

Os casos positivos son inmediatamente postos baixo a cobertura da sanidade pública galega, que destina desde o ano 2009 máis de 50 millóns de euros anuais na atención de pacientes galegos infectados polo VIH, dos cales o 60 % son gastos en fármacos antirretrovirais. En concreto, en 2020 o gasto nestes fármacos ascendeu a 32,2 millóns.
 

Imaxes relacionadas