A Xunta celebra o nacemento do seminario Spertus para estudar as oportunidades da transición enerxética no tecido industrial

A directora xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Paula Uría, participou hoxe en Santiago de Compostela no acto de constitución deste Seminario Permanente de Transición Enerxética e Competitividade Industrial da USC

Apostou por unha transición intelixente, ordenada e xusta, que sexa compatible co desenvolvemento industrial e garanta o emprego asociado
 

Santiago de Compostela, 30 de novembro de 2021

A directora xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Paula Uría, participou esta tarde na facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago de Compostela na constitución do Seminario Permanente de Transición Enerxética e Competitividade Industrial (Spertus) da USC, unha iniciativa que ten por obxectivo constituír un foro de coñecemento e debate acerca da transición enerxética e da oportunidade que esta pode e debe representar para o tecido industrial.

Así, Uría celebrou o nacemento deste espazo de debate que abrangue a perspectiva da ciencia e a tecnoloxía –coas diferentes solucións tecnolóxicas para a descarbonización e o reto da economía verde–; a industrial –coa avaliación das oportunidades e necesidades da transición enerxética desde o punto de vista industrial e das pequenas e medianas empresas–; a perspectiva xurídica e administrativa –para dar resposta ás iniciativas que se desenvolvan–; así como a análise desde o punto de vista económico, cultural e social.

“A transición enerxética debe ser intelixente, ordenada e xusta, e só será así se é compatible co desenvolvemento industrial e garante o mantemento do emprego asociado”, manifestou a directora xeral, ao mesmo tempo que asegurou que Galicia está ante unha gran oportunidade para redefinir un novo modelo produtivo que poña no centro a sostibilidade e a innovación.

Neste sentido, asegurou que a Xunta de Galicia terá sempre un papel proactivo para impulsar todo o proceso de transformacións do tecido produtivo para que a recuperación sexa en clave dixital e sostible.