A Xunta enxalza o labor clave do Igafa na formación relacionada cos cultivos mariños e o mergullo e na aposta pola remuda xeracional

Susana Rodríguez sinalou que o compromiso do Executivo galego coas ensinanzas marítimo-pesqueiras permitiu que dos centros de formación dependentes da Consellería do Mar saísen máis de 1.700 titulados profesionais na última década

O Igafa está recoñecido como centro de referencia nacional en formación profesional ocupacional nas áreas formativas de acuicultura e mergullo
 

A Illa de Arousa (Pontevedra), 30 de novembro de 2021

A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, puxo de relevo hoxe o valor da formación impartida en centros como o Instituto Galego de Formación en Acuicultura (Igafa), dependente da Consellería do Mar, para promover a remuda xeracional. Así o sinalou durante a xornada de portas abertas deste centro que se celebra con motivo do Día da Acuicultura.
Neste sentido, Susana Rodríguez sinalou que a aposta da Xunta pola formación marítimo-pesqueira permitiu que dos centros de formación dependentes da Consellería do Mar saísen na última década máis de 1.700 titulados profesionais en ensinanzas marítimo-pesqueiras. Este compromiso tamén se reflicte no orzamento destinado a este fin que na última lexislatura completa incrementou os seus fondos en preto dun 40%, a maior cifra da década.
A directora xeral tamén destacou o potencial de Galicia no eido dos cultivos mariños, un ámbito no que desde 2017 se xeraron arredor de 400 empregos e que supón unha facturación de máis de 254 millóns de euros. Este peso, salientou, reflíctese tamén no Igafa, recoñecido como centro de referencia nacional en formación profesional ocupacional nas áreas formativas de acuicultura e mergullo, nos seus case 30 anos de vida e no seu equipo. Ademais Susana Rodríguez puxo en valor a colaboración do Igafa en proxectos europeos que derivaron na posta en marcha de iniciativas acuícolas en países como Namibia, Colombia ou Vietnam.
A xornada de portas abertas do Igafa inclúe diferentes actividades como charlas de diferentes expertos relacionados cos ámbitos dos cultivos mariños e do mergullo, a proxección dun vídeo sobre o centro e outros sobre casos de éxito relacionados coa formación no instituto dependente da Consellería do Mar. Nela tamén participaron exalumnos do centro que relataron a súa experiencia profesional en diferentes países.
 

Imaxes relacionadas