A Xunta adxudica o proxecto da segunda unidade de hospitalización psiquiátrica infanto-xuvenil de Galicia

O Executivo galego segue a traballar nas infraestruturas comprometidas no marco do Plan de Saúde Mental 2020-2024

O novo dispositivo asistencial do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo será o segundo da nosa comunidade, destinado especificamente ao tratamento das enfermidades mentais na etapa dos 12 aos 16 anos
 

Santiago de Compostela, 30 de novembro de 2021

A Xunta de Galicia vén de facer publica a resolución pola que se adxudica a redacción do proxecto básico e de dirección da nova Unidade de Hospitalización Infanto-Xuvenil do Hospital Álvaro Cunqueiro en Vigo. O proxecto será redactado polos estudos de arquitectura Irisarri Piñera e Sabín Blanco Arquitectos, por un importe de 52.620 euros.

A nova Unidade, a segunda de Galicia, xunto coa existente en Santiago de Compostela, enmárcase na estratexia de Saúde Mental 2020-2024 coa que o Executivo galego incrementa os recursos dirixidos á poboación infanto-xuvenil. Así, este novo servizo asistencial incidirá dun xeito moi significativo na saúde dos pacientes, que con idades comprendidas entre os 12 a 16 anos, padezan algún tipo de doenza psiquiátrica.

A creación de dispositivos psiquiátricos destinados á poboación infantil e adolescente, mellorará o prognóstico destas patoloxías e a calidade de vida dos pacientes, dado que a maioría dos trastornos mentais crónicos inicianse durante esta etapa da vida.
O sur de Galicia contará cunha nova unidade de referencia para as doenzas vencelladas á Saúde Mental, contribuíndo a optimizar o tratamento daquelas patoloxías psiquiátricas que non podan manexarse de forma ambulatoria, ou que pola súa situación clínica extrema e alto grao de especialización nos seus coidados, non estea indicado o ingreso en Unidades abertas como o servizo de Pediatría.

A unidade distribuirá a súa estrutura en 622 metros cadrados, contemplando 6 habitacións individuais, sala de actividades grupais, comedor e terapia de grupo, ademais de áreas propias do persoal como control, despachos e zonas comúns.

A Unidade de Hospitalización Infanto-Xuvenil estará atendida por 2 psiquiatras, 1 psicólogo, 1 terapeuta ocupacional, 1 celador e un amplo equipo de enfermaría especializado en saúde mental, que deben garantir a seguridade e coidado integral dos menores, as 24 horas do día.


Plan de Saúde Mental 2020-2024

Na aposta da Xunta de Galicia por optimizar a atención da Saúde Mental na nosa comunidade, o proxecto de Orzamentos para 2022 presentado polo Executivo galego incrementa en 4,4 millons de euros os fondos destinados a un servizo asistencial no que, ademais, este proxecto de orzamentos contempla a creación de 43 novas prazas en 2022, de acordo ao Plan de Saúde Mental de Galicia 2020-2024

No que atinxe aos Recursos Humanos, a Xunta incorporou xa a 96 dos 120 novos profesionais previstos nos dous primeiros anos do Plan de Saúde Mental, o que representa preto do 80%.

Destes 96 profesionais, 31 son psicólogos, 31 psiquiatras, 12 traballadores sociais, 18 son persoal de enfermería especialista en saúde mental, 2 técnicos auxiliares de enfermería e 2 terapeutas ocupacionais.

A incorporación deste persoal no Plan de Saúde Mental ten permitido a creación de novas unidades de saúde mental de atención ambulatoria, tanto no eido infanto-xuvenil, coa posta en marcha de novas unidades nos hospitais de Vigo e A Coruña; como no eido adulto, como as inauguradas en Ordes, Tui ou Oleiros.

Así mesmo, o Executivo Galego tamén reforzou os equipos de atención domiciliaria e sociosanitaria en entornos residenciais á saúde mental nas áreas de Santiago, Ourense e Pontevedra, e incorporou os profesionais precisos para a posta en marcha dunha unidade de psicoxeriatría en Ourense.

Por outra banda, o proxecto de Orzamentos contempla tamén un aumento dos acordos de colaboración con entidades sociais e fomentar o uso dos recursos por parte de persoas con trastorno mental atendendo ás súas necesidades

No relativo ás transferencias a entidades de saúde mental, adiccións e sociosanitarias, artellarase un incremento de máis de 620.000 euros (592.000 en transferencias correntes e 65.000 en transferencias de capital), o que supón que as partidas combinadas de transferencias a estas entidades acaden os 8,8 millóns de euros.