A Xunta apoia na provincia da Coruña 257 proxectos do Plan 'O teu Xacobeo' para estender a programación sociocultural do Ano Santo a toda a sociedade

O delegado territorial, Gonzalo Trenor destacou a transversalidade da iniciativa que permite alcanzar o obxectivo desestacionalizador e descentralizador co que se abordou a adaptación da programación deste Xacobeo

Turismo de Galicia concedeu axudas por 3,6 M€ para os eventos celebrados na provincia Coruña, que mobilizaron 6,8 M€ mentres que na cidade da Coruña mobilizáronse case un millón de euros dos que a Xunta achegou máis de medio millón

A Coruña, 29 de novembro de 2021

O delegado da Xunta, Gonzalo Trenor, e a comisaria do Xacobeo 2021-2022, Cecilia Pereira, participaron esta mañá no acto balance do programa O Teu Xacobeo que tivo lugar no museo de Belas Artes nunha reunión informativa cos representantes de case medio centenar de entidades, empresas e institucións beneficiarias das axudas deste programa e impulsoras de actividades socioculturais en case todos os concellos da provincia.
A Xunta de Galicia, a través da Axencia Turismo de Galicia, está a estender a actividade sociocultural do Ano Santo e do Camiño de Santiago a toda a comunidade galega a través do programa O Teu Xacobeo, co que xa se concederon 257 proxectos na provincia da Coruña, dos cales máis dunha vintena correspóndese coa cidade da Coruña.
O representante autonómico destacou a transversalidade desta iniciativa, que xa chegou a case todos os concellos da provincia con actividades que nas súas dúas primeiras edicións, contaron con axudas da Xunta por importe de 3,6 millóns de euros que permitiron mobilizar 6,8 millóns en diferentes eidos de actuación. Trenor destacou que no caso concreto da cidade da Coruña os proxectos apoiados polo Goberno galego supoñen un investimento de máis dun millóns de euros e contaron cunha achega da Xunta de máis de medio millón de euros.
“Trátase da maior convocatoria aberta de proxectos de dinamización sociocultural da historia de Galicia, o que permite espallar actividades en case todos os concellos da provincia implicando a asociacións, entidades públicas e privadas e que permitiron abordar o fenómeno do Xacobeo e do Camiño desde unha perspectiva multidisciplinar”, sinalou Trenor.
“Esta iniciativa pretende incrementar a implicación a nivel local na celebración deste Ano Santo, dinamizar todo o territorio con actos pequenos, diversos e máis dinámicos a través dos que se espallaron e se fixeron máis presentes os valores do Camiño na propia sociedade galega.”, sinalou o delegado, que destacou que todos estes proxectos “contribuíron moito a converter a Galicia nun destino seguro froito do cal a nosa comunidade situouse como a terceira en recuperación de viaxeiros e a segunda con maior recuperación da demanda hoteleira”.
Ademais, no acto tamén interviñeron Patricia Pérez, da Federación de Ampas de Ferrol e comarca que explicou o seu proxecto II Festival do Camiño Inglés, Benigno Amor da asociación cultural-musical Antigos Tunos e Amigos do Museo Casa da Troya que expuso o seu proxecto de rutas teatralizadas polo casco histórico de Santiago e Alicia Rodríguez de Vizual Lab S.L que falou da súa iniciativa Historias do último Camiño, para dar a coñecer o camiño de Santiago a Fisterra.

Imaxes relacionadas