A Consellería de Sanidade conmemora o aniversario da partida da expedición Balmis dende A Coruña

O departamento sanitario galego e a Axencia Galega de xestión do Coñecemento (ACIS), levarán a cabo esta tarde, a partir das 17 horas, un webinario no que se recordarán estes feitos e a importancia dun programa de vacinación, que poderá verse en aberto na canle de YouTube de ACIS

Para conmemorar esta data contarase, neste webinario, coa presenza do historiador e escritor Javier Moro, Premio Planeta, e de Federico Martinón, coordinador do centro colaborador da OMS en seguridade vacinal
 

Santiago de Compostela, 30 de novembro de 2021

O día 30 de novembro de 1803 partiu da Coruña a corveta María Pita coa expedición que se propuxo levar a vacina da viruela aos distintos territorios que dependían da coroa española. Para conmemorar este feito, a Consellería de Sanidade e a Axencia Galega de xestión do Coñecemento (ACIS) levarán a cabo esta tarde, a partir das 17 horas, un webinario no que se recordarán estes feitos e a importancia dun programa de vacinación, que poderá verse en aberto na canle de YouTube de ACIS.

A expedición, coñecida co nome de Real Expedición Filantrópica da Vacina, partiu da Coruña con 37 persoas a bordo, entre as que estaba o médico Francisco Javier Balmis, a enfermeira galega, e reitora do orfanato da Coruña, Isabel Zendal Gómez, e 22 nenos (a maioría procedentes do Hospital da Caridade, da Coruña, e de Santiago).

Considérase como a primeira expedición sanitaria internacional da historia, e debe ser recoñecida non só por levar por primeira vez o tratamento contra a viruela ao continente americano, senón, tamén, polo que supuxo en regular a súa difusión creándose, nos distintos territorios, xuntas encargadas de asegurar a conservación e a utilización da vacina.

Neste momento, probablemente máis que nunca, é necesario lembrar a importancia deste fito histórico e, tamén, dunha iniciativa de vacinación como esta. Cómpre lembrar que a viruela é a única enfermidade contaxiosa que a humanidade conseguiu erradicar e así está declarado pola OMS desde 1980.

Participacion de Javier Moro e Federico Martinón

Para conmemorar esta data contarase, neste webinario, coa presenza do historiador e escritor Javier Moro, Premio Planeta, que ten, entre as súas obras, a novela A Flor de Pel, na que relata os feitos desta expedición. Con esta obra, Javier Moro deu recoñecemento público á figura da galega Isabel Zendal, que é considerada pola Organización Mundial da Saúde como a primeira enfermeira da historia en misión internacional.

Contarase tamén, neste webinario, con Federico Martinón Torres, xefe do servizo de pediatría da área Sanitaria de Santiago e coordinador do centro colaborador da OMS en seguridade vacinal, que trasladará a importancia das vacinas como medicamentos que permiten erradicar enfermidades ou, cando menos, protexer con elas a saúde da cidadanía.
Os profesionais do sistema sanitario e a cidadanía galega teñen dado, durante estes últimos tempos, unha lección de capacidade e de comportamento exemplares, o que leva a unhas taxas de vacinación fronte á covid entre as máis altas do mundo. Por iso, é importante recordar tamén ese mesmo compromiso dos integrantes da expedición que hoxe conmemoramos.