Uns 300 escolares lucenses iniciáronse este curso na escalada a través do programa ‘Xogade’, da Secretaría Xeral para o Deporte

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, asistiu hoxe á última sesión desta tempada, na que participou un grupo do CEIP Insua Bermúdez de Vilalba

Arias confirmou o interese que esperta entre o alumnado esta modalidade, que se puxo en marcha hai dous anos de xeito experimental

Lugo, 30 de novembro de 2021

Uns 300 estudantes lucenses iniciáronse este cuso na escalada a través do programa de deporte escolar Xogade, promovido pola Xunta a través da Secretaría Xeral para o Deporte.

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, visitou hoxe ao grupo do CEIP Insua Bermúdez de Vilalba que participou na última sesión prevista para esta tempada. Durante o mes de novembro, achegáronse ao rocódromo do Pazo de Feiras e Congresos rapaces de entre quinto de Primaria e segundo da ESO procedentes de todas as áreas da provincia.

Así, este curso participaron nas xornadas de promoción da escalada alumnos e alumnas do IES de Becerreá, CEIP Juan Rey de Lourenzá, CPI Uxío Novoneyra de Pedrafita do Cebreiro, CPI de Cervantes, CEIP Rosalía de Castro de Lugo, CEIP de Monforte de Lemos, CPI Tino Grandío de Guntín e CPI de Navia de Suarna, ademais dos escolares vilalbeses que asistiron esta mañá.

Arias confirmou o interese que está a espertar entre os escolares esta modalidade, que se ofertou por primeira vez hai dous anos de xeito experimental. “Xa hai solicitudes de centros que queren participar o vindeiro curso”, afirmou.

O rocódromo RocoLugo conta con máis de 3.500 presas de escalada e 1.300 metros cadrados de superficie escalable, divididos en sectores con diferente nivel de dificultade. O muro de iniciación é de 12x12,5 metros, con diedros, placas e formacións que simulan a escalada en roca.

Cun investimento total de máis de 387.000 euros, a Consellería de Economía, Emprego e Industria e a Secretaría Xeral para o Deporte achegaron un 45%, mentres que a Deputación asumiu un 35% e o Concello o restante 20%.

O delegado manifestou que o programa Xogade oferta variedade de disciplinas “para fomentar que os máis novos practiquen deporte e se acostumen aos hábitos de vida saudables”. A programación deportiva escolar inclúe atletismo en pista, bádminton, baloncesto, balonmán, campo a través, dúatlon, fútbol sala, multixogo 6-8, natación, orientación, patinaxe artística, piragüismo-dragóns, tenis de mesa, voleibol, xadrez e xogando co atletismo. A participación nestas actividades e o servizo de transporte son gratuítos.

Imaxes relacionadas