A Xunta licita as obras de reforma interior e mellora enerxética do centro de menores de Montealegre

O importe de licitación ascende a 720.000 euros e o prazo de execución do contrato é de seis meses

Santiago de Compostela, 30 de novembro de 2021

A Xunta publicou a licitación das obras de reforma interior e mellora enerxética do centro de menores de Montealegre, en Ourense, o que permitirá a súa modernización, dixitalización e mellora dos servizos de protección. O importe de licitación da obra ascende a 720.000 euros e o prazo de execución do contrato é de seis meses.

En concreto, as obras estarán destinadas a distribuír as zonas dos cuartos, as estancias xerais, así como as zonas dos aseos. Esta actuación supón a substitución das instalacións existentes co obxecto de solucionar os problemas de illamento térmico, accesibilidade, rendemento enerxético e confort.

O obxectivo é remodelar os servizos de protección para mellorar as medidas de eficiencia, hixiene e saúde para garantir a seguridade das persoas residentes. O importe destinado será con cargo aos fondos europeos do Plan de recuperación, transformación e resiliencia —financiado pola Unión Europea —Next Generation EU.