A Xunta licita por 576.000€ a mellora da seguridade viaria no tramo de concentración de accidentes da PO-403 en Ponteareas

O delegado territorial, Luis López, anunciou a apertura da fase de contratación desta actuación, que beneficia a un treito de 1,6 quilómetros entre o enlace coa A-52 e o final da travesía de Angoares, nunha visita á zona coa alcaldesa, Cristina Fernández

A obra, que pretende continuar co plan de eliminación de “puntos negros” na rede viaria autonómica, desenvolverase integramente durante o vindeiro ano e inclúe a mellora das interseccións, reforzo dos pasos de peóns e ampliación de beirarrúas

As empresas interesadas na execución dos traballos teñen ata o vindeiro 27 de decembro para presentar as súas ofertas

“Seguimos a traballar nas tramitacións administrativas para arrancar con forza os investimentos de 2022 canto antes e esta actuación figura entre as prioridades da Xunta para reforzar a seguridade na estrada cara Salvaterra”, detallou Luis López

Ponteareas, 30 de novembro de 2021

A Xunta, a través da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, sacou a licitación na xornada de hoxe as obras de mellora da seguridade viaria no Tramo de Concentración de Accidentes (TCA) da estrada autonómica PO-403 ao seu paso pola zona de Angoares, no Concello de Ponteareas, cun investimento de 576.892 euros. As empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o 27 de decembro.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, anunciou a apertura da fase de contratación desta actuación, incluida no Plan de Seguridade Viaria de Galicia 2016-2020, nunha visita a esta vía, que conecta a capital do Condado con Salvaterra do Miño, xunto á alcaldesa, Cristina Fernández, e outros representantes municipais.

A obra, que pretende continuar co plan de eliminación de “puntos negros” na rede viaria autonómica impulsado pola Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, desenvolverase integramente durante o vindeiro ano 2022, xa que ten un prazo de execución de oito meses, e beneficiará a un treito de 1,6 quilómetros entre o enlace desta vía coa A-52 e o final da travesía de Angoares.

“Dende a Xunta de Galicia seguimos a traballar nas tramitacións administrativas para arrancar con forza os investimentos 2022 canto antes e esta actuación en Ponteareas figura entre as prioridades para reforzar a seguridade viaria nun punto de bastante tráfico de vehículos e tránsito peonil na estrada cara Salvaterra”, detallou o representante autonómico.
As intervencións proxectadas teñen como principais obxectivos a mellora e reordenación das interseccións con maior accidentalidade, mediante a execución de cuñas de desaceleración ou aceleración, que facilitarán os movementos de saída e incorporación á estrada autonómica para evitar a probabilidade de alcance e incrementar a visibilidade.

Nas obras prevese, tamén, a creación de puntos específicos para realizar os xiros á esquerda e cambios de sentido con suficiente visibilidade, o que permitirá ademais reordenar outras interseccións próximas, limitando xiros que non se realizan actualmente nas condicións desexables de visibilidade.

Con esta intervención tamén se mellorará a seguridade nos pasos de peóns, establecendo medidas que garantan a súa visibilidade, mediante a restrición do aparcadoiro nas súas aproximacións ou a ampliación da beirarrúas no paso de peóns.

Principais actuacións

Máis en concreto, as principais actuacións proxectadas inclúen a mellora da intersección actual no punto quilométrico 8+860, coa creación dunha semiglorieta para un cambio de sentido, e a execución dunha glorieta no punto 9+380 para calmar o tráfico e reordenar as saídas próximas.

A actuación incorpora, ademais, as achegas presentadas ao proxecto inicial e inclúe a ampliación das beirarrúas, desde o punto quilométrico 9+210 ata a nova glorieta no punto 9+380, para completar un itinerario peonil continuo polas dúas marxes da estrada no treito obxecto da actuación. Esta intervención tamén atende á solicitude para mellorar a seguridade peonil coa protección do paso de peóns no punto quilométrico 9+160.

A intervención completarase coa actuación na intersección da PO-403, no punto quilométrico 9+920, mellorando a súa visibilidade coa execución de cuñas de cambio de velocidade e dun carril central.

Imaxes relacionadas