A Xunta comeza a vacinación fronte á gripe dos conviventes con persoas de risco e do resto da poboación

No que levamos de campaña, un total de 584.726 persoas xa se vacinaron contra a gripe

Santiago de Compostela, 30 de novembro de 2021

A Xunta de Galicia comeza a campaña de vacinación fronte á gripe dos conviventes con persoas de risco (inmunodeprimidos, persoas de idade avanzada, etc.) e do resto da poboación.
A campaña iniciouse o 25 de outubro, coa vacinación dos maiores de 65 anos, ademais dos usuarios das residencias de maiores e discapacitados, e os traballadores destas institucións. O pasado día 15 de novembro, continouse coa vacinación das persoas de 60 a 64 anos, persoas menores de 60 con patoloxías de risco; embarazadas e puerperio; prematuros de 6 meses a 2 anos; persoal de servizos esenciais; persoal de exposición laboral; e, ademais, o persoal das oficinas de farmacia.
No que levamos de campaña, un total de 584.726 persoas xa se vacinaron contra a gripe.
Comeza agora, pois, o período para a vacinación contra a gripe dos conviventes con persoas de risco e do resto da poboación.
A Consellería de Sanidade lembra que as persoas que pertenzan á poboación diana da gripe poderán solicitar a súa cita de vacinación a través da web e as aplicacións do Sergas; no seu centro de saúde, ou mediante unha chamada telefónica.

Imaxes relacionadas