A Xunta aposta pola gastronomía no Camiño como un atractivo máis para camiñar a Galicia

O vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, asistiu ao acto central do programa “Ecociña no Camiño”, deseñado para dar a coñecer a peregrinos e turistas a oferta da hostalería galega nas rutas xacobeas

Alfonso Rueda invitou ao sector a sumarse a unha iniciativa que aposta pola gastronomía autóctona e sostible e polos produtos de proximidade
 

Vigo, 29 de novembro de 2021

A Xunta de Galicia aposta pola gastronomía no Camiño de Santiago como un atractivo máis para camiñar a Galicia. Esa foi a mensaxe que lanzou o vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, no acto central de Écociña no Camiño, unha iniciativa pensada para dar a coñecer a peregrinos e turistas a oferta da hostalería galega nas rutas xacobeas. Ao acto tamén asistiron os delegados territoriais da Xunta en Vigo e Pontevedra, Marta Fernández-Tapias e Luis López, respectivamente.

Écociña no Camiño desenvolveuse ao longo do segundo semestre deste ano a través dun estudo da situación da hostalería no Camiño, un rastrexo de recursos gastronómicos e unha labor de sensibilización sobre a sustentabilidade aos hostaleiros situados nas diferente rutas do Camiño ao que seguiu a presentación a profesionais e medios especializados de menús autóctonos elaborados con produtos de proximidade en diferentes puntos das rutas xacobeas, con demostracións nas prazas de abastos e coa asistencia a xornadas e feiras especializadas.

O obxectivo era dar a coñecer a gastronomía da zona e levar a cabo un labor pedagóxico sobre as vantaxes da cesta da compra de proximidade e o compromiso coa sustentabilidade e cunha hostalería comprometida coa contorna e coa conservación do medio ambiente.

O vicepresidente primeiro fixo un balance positivo desta campaña en Vigo porque, ao seu entender, “acadou o obxectivo de que o Camiño se converta tamén nunha experiencia gastronómica para o peregrino”, de tal maneira que a súa oferta variada e diferenciada nas diferentes rutas xacobeas “sexa un atractivo máis para camiñar a Galicia”.

Alfonso Rueda chamou a atención sobre o feito de que o peregrino chega canso ao final de cada etapa despois de moitos quilómetros de ruta, polo que “temos que aproveitar esa circunstancia para servirlle os mellores pratos de Galicia e poñerlle na mesa as delicias da nosa despensa”.

Ante o bo resultado da campaña, o obxectivo da Xunta é aproveitar a celebración do segundo ano do Xacobeo 21-22 para seguir captando establecementos que se sumen á oferta gastronómica e para proxectar o Camiño de Santiago como referente da cociña de calidade e sostible.

 

Alfonso Rueda invitou a aproveitar a oportunidade que ofrece o Xacobeo para dar a coñecer a gastronomía galega e para facer desa gastronomía un atractivo máis para visitar Galicia, un valor engadido do que se poden beneficiar tamén as demais comunidades autónomas polas que atravesa o Camiño. Sobre todo tendo en conta a completa recuperación do turismo internacional que se agarda para o 2022.