A Xunta avoga pola xestión de riscos como proceso de mellora continua de cara a incrementar a competitividade empresarial

O director do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Fernando Guldrís, participou hoxe no acto de presentación do informe ‘A xestión integral do risco (ERM) e o Seguro’, organizado pola Fundación Inade

Defende a necesidade de que os empresarios conten con habilidades, servizos e instrumentos axeitados para xestionar e minimizar os riscos vinculados á xestión empresarial, entre os que destaca o programa ReAcciona

Santiago de Compostela, 29 de novembro de 2021

O director do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Fernando Guldrís, participou hoxe no acto de presentación do informe A xestión integral do risco (ERM) e o Seguro, organizado pola Fundación Inade. Unha xornada na que salientou a importancia da xestión de riscos empresariais como “proceso de mellora continua para afrontar mellor as crises e obter mellores resultados”, incrementando, deste xeito, a competitividade do tecido produtivo.

“O risco é un elemento integrante de toda actividade empresarial, e estivo e está máis presente que nunca na actualidade”, subliñou Guldrís, facendo especial fincapé nos riscos inherentes ao uso das novas tecnoloxías e ao propio impacto da pandemia da covid-19.

Neste escenario, o director do Igape avogou por identificar, avaliar e tratar os riscos, para aproveitar as oportunidades. Un campo no que apostou pola cooperación público-privada para seguir a dar os pasos necesarios.

Fronte a isto, Guldrís defendeu a importancia de que os empresarios conten con habilidades, servizos ou instrumentos axeitados para xestionar e minimizar os riscos vinculados á xestión empresarial, destacando neste apartado o programa ReAcciona da Xunta de Galicia, que ofrece a pemes e autónomos, entre outros, servizos para facilitar a axeitada xestión de riscos para favorecer así a mellora da competitividade das compañías.

Neste marco, o director do Igape puxo en valor a recente activación do ReAcciona
covid-19, que suma novos servizos adecuados á situación económica xurdida da pandemia. “O programa, co apoio de expertos, pivota sobre a profesionalización das empresas e a colaboración público privada, actuando en ámbitos como o desenvolvemento estratéxico, a dixitalización ou a innovación, con servizos de alto valor engadido sobre diversos aspectos”, afondou Guldrís.

Entre as temáticas abordadas polo ReAcciona, o director do Igape destacou a implantación de estratexias de ciberseguridade, a protección da innovación, a análise de cumprimento normativo e riscos legais, a mellora da xestión financeira ou a análise do potencial competitivo. “En definitiva, estamos a falar dun programa que busca capacitar ás pemes ante os novos retos do mercado”, concluíu.

Nova convocatoria Activa Industria 4.0

Fernando Guldrís participou tamén no día de hoxe en Santiago nunha xornada sobre a nova convocatoria do programa Activa Industria 4.0, un proxecto desenvolvido en colaboración coa Secretaría General de Industria y de la PYME, a través da EOI, que busca impulsar a transformación dixital da industria galega, incrementando o valor engadido industrial e o emprego cualificado.

“Debemos seguir avanzando na transformación dixital do noso tecido produtivo co obxectivo de facer da nosa industria, unha industria máis innovadora, forte e adaptada ás demandas actuais”, expuxo o director do Igape, quen resaltou neste marco a importancia dos fondos europeos Next Generation de cara a acometer iniciativas transformadoras no noso modelo produtivo.

Imaxes relacionadas