A Xunta estendeu a actividade sociocultural do Ano Santo e do Camiño a toda a provincia de Pontevedra con 156 proxectos do programa 'O teu Xacobeo'

O delegado territorial, Luis López, e a comisaria do Xacobeo 21-22, Cecilia Pereira, destacan a transversalidade da iniciativa, que chegou a 200 concellos de toda Galicia e 50 da provincia nas súas dúas primeiras edicións

Turismo de Galicia concedeu axudas por 2,3 M€ para os eventos celebrados en Pontevedra, que mobilizaron 4,3 M€ con 29 proxectos municipais, 50 de impulso empresarial e 77 por parte das entidades sen ánimo de lucro

O acto de balance, celebrado no edificio administrativo de Campolongo, contou coa presenza de representantes de trinta entidades e coa intervención de Mónica Crisóstomo, de Ideas Peregrinas, e Xoán Xosé Mariño, de Mister Misto Production

Pontevedra 29 de novembro de 2021

A Xunta de Galicia, a través da Axencia Turismo de Galicia, está a estender a actividade sociocultural do Ano Santo e do Camiño de Santiago a toda a comunidade galega a través do programa O Teu Xacobeo, co que xa se concederon 156 proxectos en toda a provincia de Pontevedra.
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, e a comisaria do Xacobeo 21-22, Cecilia Pereira, fixeron balance desta iniciativa esta mañá no edificio administrativo de Campolongo nunha reunión informativa cos representantes dunha trintena de entidades, empresas e institucións beneficiarias das axudas deste programa e impulsoras de actividades socioculturais en 50 concellos da provincia.
Os representantes autonómicos destacaron a transversalidade desta iniciativa, que xa chegou a 200 concellos de toda a comunidade con 572 proxectos e que contou, nas súas dúas primeiras edicións, con axudas da Xunta por importe de 8 millóns de euros que permitiron mobilizar 15 millóns en diferentes ámbitos de actuación.
“Trátase da maior convocatoria aberta de proxectos de dinamización sociocultural da historia de Galicia, algo que foi posible grazas á forza do Xacobeo e tamén a que se trata dun elemento de identidade común a todos os galegos que permite chegar a todos os recunchos do país”, sinalou Luis López.
Na provincia de Pontevedra, os 156 proxectos concedidos foron desenvolvidos por concellos e mancomunidades (29), persoas físicas ou xurídicas (50) e entidades sen ánimo de lucro (77) e supuxeron un investimento global de 4,3 millóns de euros, dos que 2,3 millóns procederon das axudas da Xunta de Galicia ao abeiro deste programa O Teu Xacobeo.
“Esta iniciativa pretende estender o Xacobeo a todo o territorio máis alá dos lugares polos que pasan as rutas de peregrinación, implicar a toda a sociedade galega e cumprir co obxectivo de desestacionalización e descentralización da cultura, aumentando o compromiso local e espallando os valores do Camiño por toda Galicia”, sinalou Luis López, que destacou que todos estes proxectos “contribuíron moito, como panca turística e cultural, a converter a Galicia no destino de moda en España e Europa”.
Pola súa banda, Cecilia Pereira destacou a “gran calidade” dos máis de 1.600 proxectos presentados e a “importancia cultural” dos preto de 600 que foron concedidos ao abeiro destas axudas e anunciou que a Xunta de Galicia “xa está a traballar para darlle continuidade a todas estas exitosas iniciativas e pretende destinar case 86 millóns de euros a toda a programación do Xacobeo no vindeiro ano 2022”.
Ademais, no acto tamén interviñeron Mónica Crisóstomo, da empresa Ideas Peregrinas, que presentou o seu proxecto Pequegrino. O Teu Primeiro Camiño, e Xoán Xosé Mariño, de Mister Misto Production, que deu a coñecer a iniciativa Festivaliño On The Road.

Imaxes relacionadas