O director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, visitou os centros de día e ocupacional que ten a entidade de Teo

A Xunta de Galicia achega preto de 50.000 € a Aspamite para realizar obras de acondicionamento

Con este investimento realizaron unha reforma da sede da Asociación de pais de persoas con diversidade funcional do concello coruñés para mellorar a habitabilidade

O Goberno galego achega máis de 230.000 € anuais para financiar dez prazas no centro de día e 14 no ocupacional

Teo (A Coruña), 29 de novembro de 2021

O director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, destacou que a Xunta achega preto de 50.000 euros á Asociación de pais de persoas con diversidade funcional de Teo (Aspamite) para realizar obras de mellora nos seus centros. Fíxoo esta mañá nunha visita aos centros de día e ocupacional da entidade.

Con este investimento, financiado a través da liña do 0,7% do IRPF, a entidade realizou unha reforma da sede para mellorar a habitabilidade. Entre outros aspectos, cambiou a instalación eléctrica, instalou un sistema de climatización e acondicionou o pavimento.

Ademais, o director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade salientou o apoio da Xunta de Galicia a entidades do sector da atención ás persoas con discapacidade. Neste sentido, o Goberno galego achega máis de 230.000 euros anuais á asociación teense para poñer en marcha 24 prazas nos seus centros, dez delas no centro de día e 14 no ocupacional.

Atención terapéutica e orientación

Fernando González Abeijón puxo en valor o traballo que realiza a diario Aspamite para mellorar a vida dos usuarios dos seus centros e tamén para apoiar ás familias das persoas con discapacidade. Deste xeito, subliñou os múltiples servicios que achega, desde atención diúrna e ocupacional, a atención terapéutica, orientación aos familiares, así como diferentes actividades de intervención comunitaria.

Imaxes relacionadas