A Xunta publica no Portal de Transparencia o proxecto de decreto de ordenación do sistema de formación sanitaria especializada da Comunidade

Ten un triplo obxectivo, regularizar e harmonizar o labor docente dos especialistas e médicos residentes; optimizar a calidade no proceso de formación especializada; e incrementar o número de facultativos na sanidade pública

Reafirma o compromiso da Xunta coa formación dos especialistas, substanciado nos máis de 61 millóns de euros que se destinarán en 2022 a este eido, ou na convocatoria en 2021 do maior número de prazas feita ata agora en Galicia

Santiago de Compostela, 29 de novembro de 2021

A Consellería de Sanidade vén de publicar, no Portal de Transparencia e goberno aberto, o proxecto de decreto de ordenación do sistema de formación sanitaria especializada na Comunidade, que se abre agora ás achegas dos interesados, co obxectivo de establecer as medidas, mecanismos e estruturas docentes precisas para a formación dos especialistas médicos ou residentes.
O texto normativo conta cun triplo obxectivo, regular e harmonizar o labor docente na formación dos especialistas médicos e residentes; optimizar a calidade no proceso de formación especializada, e incrementar o número de facultativos na sanidade galega.
O proxecto de decreto está conformado por 57 artigos, distribuídos en 8 capítulos, e dispón de 3 disposicións adicionais, 3 transitorias e 1 derrogativa.
Trátase do primeiro texto normativo en Galicia que, desde o ámbito competencial autonómico, definirá as estruturas sanitarias docentes; regulará os órganos docentes colexiados e unipersoais, e o procedemento para autorizar as rotacións externas e as estancias formativas de persoas estranxeiras.
Ademais, o proxecto tamén recolle os criterios do procedemento de supervisión dos especialistas en formación e a asunción progresiva de responsabilidades por parte dos residentes; a promoción da formación en competencias transversais; o establecemento de normas sobre o control da calidade; así como a regulación dos Plans de xestión da calidade docente, e o funcionamento da Rede de comisións de docencia de Galicia (REDEGA).
Compre destacar que esta norma incide na posta valor da figura dos titores e dos xefes de estudos. Así, consolidará o establecemento de medidas que xa se están a aplicar en Galicia, como é o recoñecemento en baremos -a efectos da carreira profesional, concursos de traslados ou procedementos similares-, do exercicio das titorías ou o desempeño das xefaturas de estudio ou de outras figuras de colaboración na docencia.
Nesta mesma liña, ampliará as facilidades para exercer o labor docente -garantindo que o titor poida dispoñer dunha dedicación específica para o exercicio das súas funcións- e, tamén, priorizará a súa participación en actividades de formación continuada destinadas ao persoal sanitario.

Máis de 60 millóns de euros para a formación de novos profesionais

A formación de especialistas en Ciencias da Saúde é un obxectivo prioritario para Administración galega, que destinará 61,7 millóns de euros á formación sanitaria especializada durante o ano 2022.
Así, este proxecto coincide no tempo co maior número de prazas ofertadas nas convocatorias feitas en Galicia até o momento, con 543 prazas nas probas do 2021. Unha cifra que supuxo un incremento de 52 prazas respecto da oferta final da anterior convocatoria.
Ademais, Galicia convocou o 100% das prazas acreditadas en Galicia para médicos de familia e pediatras, e ampliou en nove, as prazas de formación na especialidade de enfermería familiar y comunitaria.
Todas estas iniciativas inciden na necesidade de regular e homoxeneizar a organización da docencia sanitaria especializada, co obxecto de resolver a escaseza de facultativos actual. Así, estas actuacións engádense ás reiteradas solicitudes do Executivo galego ao Goberno central de suprimir a taxa de reposición; a realización dunha convocatoria extraordinaria de prazas MIR ou, a creación da especialidade de medicina de urxencias.

Imaxes relacionadas