O 061 de Galicia asistiu a 75 persoas por 61 accidentes de circulación durante a fin de semana

Desde as 15,00 horas do venres, 26 de novembro ata as 23,59 horas do domingo, 28 de novembro, a Central de Coordinación de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 recibiu 90 chamadas por accidentes de tráfico

A Estrada (Pontevedra), 29 de novembro de 2021

Urxencias Sanitarias de Galicia-061 asistiu durante a fin de semana 75 persoas debido a 61 accidentes de tráfico ocorridos nas estradas galegas. O período contabilizado comprende desde as 15,00 horas do venres, 26 de novembro, ata as 23,59 horas do domingo, 28 de novembro. O sábado foi o día no que se rexistraron máis sinistros, con 25 accidentes de tráfico.

A Central de Coordinación do 061, que xestiona e coordina os servizos prehospitalarios en casos de urxencia e emerxencia en Galicia, recibiu nestes días 90 chamadas en relación cos accidentes de tráfico. Estas alertas xeraron 61 asistencias sanitarias por parte do persoal do 061 que atendeu un total de 75 persoas. A proporción de homes e mulleres atendidos foi do 65% e do 35% respectivamente. Nas idades dos feridos, obsérvase que o 38% dos atendidos tiña entre 30 e 44 anos.

Por provincias, A Coruña foi a que máis sinistros rexistrou con 24 accidentes de tráfico durante os desprazamentos destas datas.
 

 
Provincia
Accidentes
A Coruña
24
Lugo
8
Ourense
9
Pontevedra
20
Galicia
61

Os recursos sanitarios mobilizados polos médicos que atenderon as chamadas na Central de Coordinación do 061 foron 79. Así, as ambulancias asistenciais de soporte vital avanzado asistiron en oito accidentes, as ambulancias asistenciais de soporte vital básico mobilizáronse en 64 sinistros e os equipos sanitarios de Atención Primaria que completan a dotación das ambulancias asistenciais de soporte vital básico do 061, no caso de necesitalo, prestaron asistencia sanitaria en sete accidentes.

En 66 casos os feridos foron trasladados aos centros sanitarios correspondentes e en nove ocasións atendeuse no propio lugar do incidente.