A Xunta participará na renovación da pista de atletismo da USC a través dun convenio de medio millón de euros

Grazas a esta actuación, a pista contará coas condicións de dimensión e pavimento mínimas para acoller probas internacionais

Santiago, 27 de novembro de 2021.- O Consello da Xunta deu luz verde o pasado xoves ao convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral para o Deporte, a Deputación provincial da Coruña, o Concello de Santiago de Compostela e a Universidade de Santiago de Compostela para a renovación e o acondicionamento da pista do Estadio de atletismo situada no Campus Vida, cun investimento de preto de medio millón de euros (495.761,99 euros).
Máis polo miúdo, a Xunta de Galicia achegará o 35% do orzamento global (173.516,99 euros), a mesma contía que a Deputación da Coruña, mentres que o Concello de Santiago sufragará o 30% restante (148.728,60 euros). A execución o e o remate das obras contratadas terá como data límite o 31 de marzo de 2022. Unha vez executadas as obras corresponderá á USC a xestión, mantemento e conservación das instalacións deportivas, correndo da súa conta a totalidade dos custos que en concepto de persoal, adquisicións de bens, servizos ao exterior e outros conceptos se deriven delas.
Na actualidade a pista de atletismo presenta un considerable deterioro na súa superficie, debido ao uso e ao tempo transcorrido dende a súa execución -o actual pavimento foi colocado en 1998- o que fai necesaria a renovación tanto do propio pavimento, a dos elementos que compoñen a pista, así como a clasificación e homologación necesaria para o seu uso.
Os traballos a executar serán actuacións previas, revestimentos, marcaxes e sinalización, firmes, equipamentos deportivos (placas de sinalización regulamentarias; bordo de aluminio; círculo lanzamento de peso; dobre círculo lanzamentos disco e martelo; saneo de táboas de batida; táboas de batida completa; fosos de caída; arranxo da ría de obstáculos; obstáculo da ría; saneo da plataforma da pértega; saneo dos círculos de lanzamento de peso, disco e martelo; caixa de pértega mais tapa e postes de chegada), seguridade e saúde, xestión de residuos e control de calidade e homologación.
Precisamente, grazas a esta actuación, a pista acadará a homologación IAAF Clase 2 coa que poderá acoller campionatos galegos, nacionais, así como probas internacionais de carácter básico sempre que se cumpran outros requisitos exixidos.
Cómpre salientar a aposta decidida da Xunta polo atletismo galego nun ano tan importante no que a federación cumpre cen anos e no que se acadou a primeira medalla olímpica da historia. Deste xeito, cómpre destacar a pista cuberta de Expourense, na que a Xunta xa investiu 4,3 millóns de euros; a licitación do módulo cuberto de atletismo en Ribeira e da primeira pista homologada da Mariña, en Cervo para o ano 2022; así como o módulo cuberto do IFEVI que no día de hoxe remataba o prazo de presentación de ofertas para a licitación das obras.

Imaxes relacionadas