Augas de Galicia e o centro de supercomputación asinan a cooperación para ampliar a capacidade de predición do risco de inundacións da demarcación hidrográfica Galicia-Costa

Trátase de optimizar o sistema ‘Merlín’ de alerta temperá, a través da realización de cálculos intensivos dos datos hidrográficos, para aumentar a precisión das predicións do risco que se realizan nos ríos na demarcación de competencia da Xunta

Augas de Galicia proporcionará os códigos e actualizacións das aplicacións do sistema ‘Merlín’ e a Fundación achegará o soporte para o mantemento, almacenamento e actualización deste sistema punteiro nas instalacións do CESGA

O sistema ‘Merlín’ é unha ferramenta desenvolvida desde a Xunta, en colaboración coa Universidade da Coruña, que mellora o anterior sistema, baseado na estimación de caudais, ao predicir os inundacións en función dos datos de lámina de auga

O sistema incorpora tamén datos de novas fontes de información hidro-meteorolóxica, como observacións de satélites ou radar meteorolóxico, e desenvolveu unha aplicación web para visualizar as predicións de forma sinxela

Galicia continúa á vangarda da predición do risco de inundacións logo de poñer en marcha no ano 2004 o sistema ‘Artemis’
 

Santiago de Compostela, 27 de novembro de 2021

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, asinou co director xerente da Fundación Pública Galega Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), Mauro Fernández Dabouza, a colaboración para ampliar a capacidade de predición do risco de inundacións da demarcación hidrográfica Galicia-Costa.

O convenio de colaboración, asinado de xeito telemático, permitirá optimizar o funcionamento do novo sistema punteiro de alerta ‘Merlín’, mediante a realización de cálculos intensivos dos datos hidrográficos, aumentando a precisión das predicións do risco de asolagamento que realiza Augas de Galicia nos ríos da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa.

Segundo o convenio asinado hoxe, a entidade hidráulica da Xunta proporcionará á Fundación CESGA os códigos e actualizacións das aplicacións do sistema ‘Merlín’, para o que achegará un orzamento estimado de máis de 56.000 euros.

Pola súa banda, a Fundación proporcionará o soporte necesario para o mantemento, almacenamento e actualización do sistema ‘Merlín’ nas instalacións do Centro de Supercomputación de Galicia.

Grazas ao sistema ‘Merlín’, Augas de Galicia pode predicir con maior precisión, de forma continua, automática e en tempo real o risco dun determinado punto e identificar con maior precisión as zonas máis vulnerables.

As predicións permitirán facer unha caracterización máis precisa do impacto dunha crecida, son máis fiables e teñen en conta o efecto da marea na extensión dun asolagamento, o que é moi importante nas zonas costeiras, nas que se concentra a maior parte da poboación.

Ademais, desenvolve unha aplicación web na que se poderán visualizar esas predicións, o que fará posible trasladar a información en tempo real a todos axentes involucrados na actuación en caso de risco de inundación.

O acordo asinado terá vixencia ata finais de 2025, podendo ser prorrogado.

O proxecto ‘Merlín’

Tras ser pioneira desde o ano 2004 coa posta en marcha do sistema ‘Artemis’, Augas de Galicia traballa agora na implantación do sistema ‘Merlín’, que supón un grande avance na predición e na xestión dos riscos de inundacións no ámbito xeral e zonal, cun alto nivel de precisión e fiabilidade.

O proxecto ‘Merlín’ xorde da colaboración iniciada en 2019 entre Augas de Galicia e a Universidade da Coruña para a revisión do sistema ‘Artemis’, que permitiu desenvolver de forma piloto o sistema ‘Merlín’ nas concas dos ríos Cee, Grova, Landro e Verdugo-Oitavén.

A constatación de que o novo sistema aumenta a eficacia na predición dos fenómenos de asolagamento motivou a súa implantación nas citadas concas e darlle continuidade a esta cooperación para estender o sistema ‘Merlín’ ás 21 concas de Galicia-Costa e ás 10 novas áreas con potencial risco significativo de inundación.

As ferramentas de alerta temperá son indispensables para predicir os fenómenos de asolagamento con antelación suficiente para adoptar, de forma coordinada con Protección Civil e as distintas administracións competentes, as medidas necesarias para minimizar os riscos.

O sistema ‘Merlín’ posibilita aumentar a eficacia na predición dos fenómenos de asolagamento, xa que, mentres que ‘Artemis’ se baseaba na estimación de caudais, a nova ferramenta realiza predicións de inundacións a partir dos datos da lámina de auga dos ríos.

O novo sistema incorpora tamén datos de novas fontes de información hidro-meteorolóxica, como observacións de satélites, radar meteorolóxico, etc., e desenvolveu unha aplicación web para visualizar as predicións de forma sinxela á que poden acceder os diferentes axentes implicados.