A Xunta participa na XIV edición do encontro de Comunidades Autónomas e cooperación para o desenvolvemento

O encontro, organizado pola Junta de Estremadura, celebrouse nas cidades de Mérida e Cáceres entre o 24 e 26 de novembro

Nas diferentes xornadas do encontro analizouse a situación da cooperación descentralizada co fin de identificar retos futuros
 

Cáceres (Estremadura), 26 de novembro de 2021

A Xunta, a través dunha delegación da Subdirección Xeral de Cooperación Exterior, vén de participar no Encontro anual de Comunidades Autónomas e Cooperación para o Desenvolvemento, organizado pola Axencia Estremeña de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (AEXCID) en Mérida e Cáceres.

Este espazo de encontro reúne cada ano a representantes das institucións autonómicas, ademais doutros axentes que traballan a nivel estatal, europeo e internacional no ámbito da cooperación.

A representación galega avogou por manter un diálogo constante e fluído entre as Comunidades Autónomas no ámbito da cooperación para o desenvolvemento co obxectivo de acadar acordos que permitan afrontar os retos futuros neste eido. Nesta liña, na reunión avanzouse no deseño dos proxectos futuros susceptibles de desenvolverse de forma conxunta, tendo en conta as especificidades de cada comunidade.

Como medidas concretas, no encontro acordouse realizar un primeiro mapeo de boas prácticas que sirva para concluír os proxectos que serán compartidos no futuro, a especialidade que vai ter cada rexión e cales poderanse deseñar de maneira conxunta. Co mesmo propósito de manter esta coordinación de maneira continuada no tempo, elaborarase un boletín interno para compartir información sobre o traballo que cada Comunidade Autónoma realiza en materia de cooperación.

Por outro lado, fixouse a celebración dun encontro intermedio de carácter temático que se celebrará en Canarias en maio de 2022 centrado no tema Cooperación e migracións, previo á próxima reunión anual de Comunidades Autónomas e Cooperación para o Desenvolvemento que terá lugar en Cantabria en outubro de 2022.

Por último, recoñeceuse tamén o traballo da Rede de Programas de Protección de Defensoras e Defensores de Dereitos Humanos e acordouse o apoio compartido ao mecanismo COVAX, unha plataforma mundial que busca garantir o acceso equitativo á vacina contra o coronavirus. En total, destinaranse 2,64 millóns de euros para apoiar o compromiso de vacinación impulsado pola Organización Mundial da Saúde.

 

Imaxes relacionadas