A Xunta reclama que a Conferencia de Presidentes aborde asuntos cruciais para Galicia como o reto demográfico, o financiamento ou os fondos covid

No comité preparatorio, o vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, solicitou tamén que no encontro de xaneiro nas Illas Canarias se discuta sobre o incremento de facultativos na Atención Primaria ou sobre a necesidade de acadar prezos xustos para o sector primario

Rueda defendeu a prioridade dos asuntos acordados esta semana no encontro de presidentes de oito CCAA reunidos en Santiago

Madrid, 26 de novembro de 2021

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, reclamou hoxe no comité preparatorio da Conferencia de Presidentes celebrado en Madrid que no encontro dos mandatarios autonómicos que terá lugar en xaneiro nas Illas Canarias se aborden asuntos cruciais para Galicia como o reto demográfico, o financiamento autonómico ou os fondos covid.
Rueda, que valorou positivamente a reunión previa para acordar os temas de interese que se abordarán na Conferencia de Presidentes, dixo que Galicia acudía a este encontro “con toda a vontade de chegar a acordos”, e reclamou que na axenda figuren as prioridades das comunidades autónomas, ao entender que esa é a finalidade da Conferencia.
A Xunta comparte con outros Gobernos autonómicos a esixencia dun reparto xusto dos fondos europeos, sobre todo no que ten que ver coa pandemia. Alfonso Rueda recordou que a crise sanitaria non rematou aínda e que é necesario que o Goberno central clarifique coas comunidades autónomas o reparto dos fondos “con claridade e flexibilidade”.
En relación cos retos que se presentan por mor da pandemia, o Goberno galego cre prioritario contar con máis medios para atender as necesidades sanitarias, sobre todo no que ten que ver coa Atención Primaria. “Por desgraza, a pandemia segue entre nós e os gastos van seguir producíndose”, recordou o vicepresidente primeiro da Xunta.
A maioría dos temas que Galicia considera prioritarios e que Rueda puxo sobre a mesa no comité preparatorio acordáronse hai uns días no encontro dos oito presidentes de comunidades autónomas que pactaron esta semana en Santiago unha declaración institucional sobre os retos que máis urxen nos seus territorios, como a cuestión demográfica ou a reforma do sistema de financiamento autonómico, ámbalas dúas cuestións estreitamente relacionadas.
Os presidentes de Galicia, Castela e León, Castela-A Mancha, Aragón, Estremadura, Asturias, A Rioxa e Cantabria pactaron tamén outras reclamacións, como a necesidade de ampliar os fondos covid, a de mellorar a asistencia sanitaria e a de defender prezos xustos ante a crise que sofren os sectores primarios, fundamentais na economía de Galicia.

Imaxes relacionadas