Feijóo resalta a capacidade de anticipación e adaptación dos emprendedores galegos para afrontar a realidade social e económica de cada momento

Asevera que neste novo escenario a anticipación segue a formar parte tamén das políticas do Goberno galego, cuns orzamentos para 2022 que recollen o maior investimento produtivo: 2.600 M€

No tocante aos fondos Next Generation lamenta as dúbidas que aínda persisten sobre o calendario e as condicións para acceder aos fondos

Incide no valor da colaboración público-privada para afrontar a tarefa da reconstrución económica

Sobre o premiado resalta que forma parte desa xeración de galegos que, desde a empresa, contribuíu nestes 40 anos ao que hoxe somos
 

Vigo, 26 de novembro de 2021

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe a capacidade de anticipación e adaptación dos emprendedores galegos para afrontar a realidade social e económica de cada momento.

Durante o acto de imposición da Medalla de Ouro do Círculo de Empresarios de Galicia a Joaquín González Iglesias, director xeral de Vegalsa-Eroski, Feijóo aseverou que neste novo escenario a anticipación segue a formar parte tamén das políticas do Goberno galego, cuns orzamentos para 2022 que recollen o maior investimento produtivo: 2.600 millóns de euros destinados á recuperación da economía galega.

“E queremos anticiparnos, tamén, cunha candidatura de proxectos aos fondos Next Generation en sectores prioritarios como: a automoción, onde é vital que o proxecto AutoAncora sexa incluído no PERTE aprobado polo Goberno; o naval, no que Galicia defende ter a oportunidade de participar nun PERTE específico para este sector que o Goberno se comprometeu a convocar; o forestal, coa fábrica de fibras téxtiles de orixe forestal como iniciativa clave; a medicina personalizada; e o agroalimentario”, recordou, lamentado as dúbidas que aínda persisten sobre o calendario e as condicións para acceder aos fondos.

Neste sentido, Feijóo apoiou a oportunidade que suporía para Vegalsa-Eroski formar parte do PERTE agroalimentario, do mesmo xeito que agarda que a empresa poida recibir, por parte do Goberno, fondos europeos Next Generation para o desenvolvemento do seu Plan estratéxico 2021-2024, do que xa iniciou a execución de accións vinculadas coa dixitalización e sustentabilidade, sobre as que pivotará a recuperación.

Logo de incidir no valor da colaboración público-privada para afrontar a tarefa da reconstrución económica, o presidente da Xunta referiuse tamén á Lei de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, como outro exemplo máis de anticipación do Goberno galego, cun texto que contribúe a impulsar a reactivación e a captación de investimentos cara ao tecido produtivo galego.

Sobre o premiado Joaquín González Iglesias, director xeral de Vegalsa-Eroski, Feijóo resaltou que forma parte desa xeración de galegos que, desde a empresa, contribuíu nestes 40 anos ao que hoxe somos. E recoñeceu e agradeceu o compromiso da empresa con Galicia, reflectido na comercialización de produtos que levan o selo Galicia Calidade e nos máis de 330 millóns de euros que destinou en 2020 a provedores locais galegos.

Feijóo aproveitou a súa intervención para trasladar ademais a preocupación ante a escaseza o e encarecemento de materias primas a nivel global, subliñando que a Administración autonómica está en contacto permanente cos clústeres para avaliar a evolución e os efectos que está a ter.
 

Imaxes relacionadas