A Xunta destina 65.000 € en adquisición de equipamento e obras de mellora na escola infantil pública autonómica de Ribadeo

Fabiola García salientou que para o vindeiro ano todos os nenos deste centro terán gratis a matrícula e a atención educativa

Ribadeo (Lugo), 26 de novembro de 2021

A conselleira de Política Social, Fabiola García, destacou hoxe que a Xunta de Galicia destinou este ano ao redor de 65.000 euros en adquisición de equipamento e obras de mellora na escola infantil pública autonómica de Ribadeo. Fíxoo esta mañá nunha visita que realizou á instalación, en compañía do delegado do Goberno galego en Lugo, Javier Arias, para comprobar as obras realizadas para optimizar o servizo de atención dos máis de 70 nenos e nenas que acoden a diario ao centro

Este ano a Administración autonómica realizou unha serie de actuacións no centro para acondicionar a escola infantil de Ribadeo e mellorar a comodidade dos pequenos e tamén dos profesionais. Deste xeito, construíuse un novo baño na aula de 1-2 e tamén unha saída de emerxencia; reformáronse os armarios e adquiriuse diferente equipamento como lavalouzas, tronas, hamacas, unha cerca de madeira movible para delimitar espazos, así como roupa de traballo para os profesionais que foi comprada no comercio local de Ribadeo.

A conselleira de Política Social puxo en valor a aposta do Goberno galego pola conciliación e pola atención das pequenas e pequenos no tramo de idade de 0 a 3 anos. Por esa mesma razón, recordou que a Xunta de Galicia implantará a gratuidade en todas as escolas infantís para todos os nenos. Polo tanto, no caso de Ribadeo, todos os pequenos que acudan ao centro terán gratis a matrícula e a atención educativa.

Esta é unha medida pioneira en España do que se beneficiarán unhas 20.000 familias en Galicia e para o que o Executivo autonómico destinará 30 millóns de euros ao ano. Desde o 2020 xa se podían beneficiar desta iniciativa os segundos fillos e sucesivos e agora a Xunta de Galicia dá un paso máis neste eido, a partir do curso 2022-2023 poderán facelo tamén os primoxénitos.
 

Imaxes relacionadas