A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade asinou hoxe co alcalde de Ferrol, Ángel Mato, o convenio para a execución destas actuacións, que completarán o saneamento da ría, na que o Goberno galego leva investido máis de 115M€

A Xunta colaborará co Concello de Ferrol executando as obras de saneamento do río Sardiña, que suporán un investimento de 900.000€ e rematarán a finais de 2022

Vázquez Mourelle salienta que estas obras, que a Xunta executará e financiará nun 70%, permitirán solucionar as deficiencias da rede de saneamento da conca do río Sardiña

Construirase un colector pola marxe esquerda do río Sardiña, desde a ponte da estrada da Malata ata o estadio, que verterá á rede culminada, ademais dun ramal secundario

Estas obras completan as recentemente rematadas na Malata que, cun investimento da Xunta de 7,3 M€, conectaron ese ámbito da cidade ao sistema de saneamento que conduce as augas residuais de Ferrol e de Narón á depuradora de Cabo Prioriño

A conselleira apunta a disposición do Goberno galego para colaborar nas obras de saneamento do rural de Ferrol cando o Concello estea preparado

Destaca o apoio da Xunta os municipios nas súas competencias de saneamento e depuración e remarca que a Lei de mellora da xestión do ciclo da auga en tramitación pretende reforzar esa colaboración aos concellos que o soliciten

Ferrol, 26 de novembro de 2021

A Xunta colaborará co Concello de Ferrol executando as obras de saneamento do río Sardiña, que suporán un investimento de 900.000 euros e poderán estar rematadas a finais do vindeiro ano.
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, asinou hoxe co alcalde de Ferrol, Ángel Mato, o convenio de colaboración para executar estas actuacións, que Augas de Galicia vai contratar e desenvolver, ademais de financiar de forma maioritaria, achegando o 70% do importe necesario.
Vázquez Mourelle explicou que unha vez asinado o convenio, solicitarase a documentación municipal necesaria co obxectivo de licitar as obras nos próximos meses para poder iniciar a súa execución a comezos do verán e rematala tamén en 2022.
A conselleira indicou que etas obras teñen como finalidade solucionar as graves deficiencias que presenta a rede de saneamento da conca do río Sardiña, con problemas de capacidade, roturas, infiltracións, etc, que provocan vertidos incontrolados ao río e á súa contorna.
Apuntou que as obras obxecto deste convenio permitirán dotar dun novo colector interceptor a marxe esquerda do río Sardiña e completar definitivamente o saneamento da Malata.
Indicou que as obras, por unha parte, prevén a construción dun colector xeral por gravidade, de 1.200 mm de diámetro e 574 metros de longo, ademais de 13 pozos, que irá pola marxe esquerda do río Sardiña, desde a ponte da estrada da Malata ata as proximidades do estadio e verterá á rede de saneamento recentemente culminada. O proxecto tamén inclúe un ramal secundario, que funcionará tamén por gravidade, con 120 metros 7 pozos estancos.
Sinalou que estas obras completan as rematadas a comezos deste ano na Malata, a última das grandes obras planificadas para mellorar a calidade das augas da ría de Ferrol.
Lembrou que o Goberno galego, cun investimento de máis de 7,3 M€, conseguiu conectar un ámbito da cidade, que ademais de vivendas inclúe o estadio de fútbol, a piscina municipal, a feira de mostras e o pavillón, ao sistema de saneamento que conduce as augas residuais de Ferrol e de Narón cara á depuradora de Cabo Prioriño.
Durante a execución da obra evidenciouse a necesidade de desenvolver unha actuación adicional para completar o saneamento da enseada da Malata, para conectar a ese sistema a marxe esquerda do río Sardiña.
Salientou que para a Xunta é prioritario o saneamento das rías, como no caso da de Ferrol, cun investimento autonómico de máis de 115 M€, que culminou en primavera as obras da enseada da Malata e que agora se vai completar co convenio hoxe firmado.

Apoio aos concellos

Fixo fincapé no compromiso da Xunta de colaborar, tamén, con este municipio nas obras de saneamento do rural, e reiterou a disposición a cumprilo cando o Concello estea preparado.
A pesar de que as competencias de saneamento, abastecemento e depuración son municipais, puxo en valor o esforzo técnico e económico da Xunta para colaborar cos concellos para que poidan exercer de forma axeitada estas responsabilidades.
Lembrou que os servizos da auga requiren investimentos elevados, coñecementos técnicos especializados e moita responsabilidade, polo que a Xunta está a impulsar unha Lei de mellora da xestión do ciclo integral da auga que pretende estender e reforzar o apoio aos municipios, sempre e cando estes así o soliciten de forma voluntaria.

Imaxes relacionadas