A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participou hoxe na presentación do documental ‘Son de Muller’ elaborado pola veciñanza deste concello lugués

A Xunta pon o centro de información á muller de Palas como exemplo destes recursos esenciais para a loita contra a violencia de xénero

Subliñou que o Goberno galego incrementará nun 10,5%, ata os 4 M€, os apoios para o sostemento dos Centros de Información á Muller (CIM) na comunidade en 2022

O CIM de Palas, que da cobertura a outros cinco concellos, atendeu nos últimos doce anos máis de 2.000 consultas xurídicas e a 149 vítimas de violencia de xénero

Palas de Rei (Lugo), 25 de novembro de 2021.- A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, quixo destacar hoxe o traballo que desenvolven os 84 centros de información á muller existentes en Galicia, para os que tivo unha mención especial, neste 25-N, día internacional da eliminación da violencia contra a muller, no acto de presentación do documental Son de Muller en Palas de Rei. Centros como o deste concello, que nos últimos doce anos deu resposta a máis de 2.100 consultas xurídicas e prestou atención a unhas 150 vítimas de violencia de xénero, confirman, a xuízo da secretaria xeral, que se trata dun recurso esencial na loita contra esta lacra e no avance cara a unha igualdade real e efectiva, que debe ser valorizado nunha data como a de hoxe.
Para a secretaria xeral, a actividade dos CIM é imprescindible, xa que se rexen polo principio de atención universal ás mulleres para proporcionarlles apoio xurídico, atención psicolóxica, orientación profesional e sociolaboral.
O Goberno galego ofrece asistencia técnica para a creación de novos CIM que desexen integrar os concellos, e tamén o sostemento do seu persoal con fondos autonómicos. En 2022, estes apoios incrementaranse o 10,5%, ata os históricos 4M€.
O CIM de Palas de Rei recibiu desde 2009 uns 850.000 euros no marco destas liñas de axuda, máis de 83.000 -o seu máximo- na convocatoria deste ano. A estes cartos cabe engadir o investimento que a Xunta destina para que as entidades locais promovan actividades de conciliación e actuacións a prol da igualdade, das que o concello lucense é beneficiario ano tras ano.
Con todos estes apoios, o centro de Palas, que da cobertura a outros cinco concellos da zona -Antas de Ulla, Friol, Guntín, Monterroso e Portomarín- prestou desde 2009 asistencia xurídica a 2.131 mulleres, deu apoio psicolóxico a 1.770 e atendeu a 149 vítimas da violencia de xénero. No mesmo período, ofreceu orientación para o emprego a cerca de 200 usuarias e sobre recursos ao seu dispor a unhas 700.
Susana López Abella fixo estas apreciacións na presentación do documental Son de Muller, elaborado polas asociacións e a veciñanza desta localidade, ocasión que aproveitou para destacar o traballo colaborativo realizado por entidades como a asociación de amas de casa, a comunidade escolar do IES Palas de Rei, ou grupos culturais como Alentía Teatro e Obradoiro de Teatro do concello.
López Abella resaltou a importancia de implicar ás persoas mozas nas reflexións acerca das desigualdades e da loita contra a violencia de xénero con iniciativas como esta peza audiovisual que relata pequenas historias reais, contadas por rapazas adolescentes, que analizan aspectos relacionados coa igualdade da súa propia xeración e a da das súas nais e avoas.
Ao igual que o documental, incidiu a secretaria xeral, a Xunta quere promover relacións respectuosas e que axuden a lanzar unha mensaxe unívoca de NON contra a violencia de xénero e avanzar cara á igualdade real e efectiva en Galicia.