Lete destaca o deporte como "construtor de imaxe, prestixio e reuputación" no 2º Congreso Nacional de Protocolo e Organización de Eventos Deportivos

Destaca o “papel chave” da organización e o protocolo na estratexia das organizacións deportivas para establecer unha “óptima relación, máis próxima e por suposto sostible, con todos e cada un dos distintos potenciais destinatarios dos eventos deportivos”

Noia (A Coruña), 24 de novembro de 2021

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, inaugurou o 2º Congreso Nacional de Protocolo e Organización de Eventos Deportivos no Coliseo Noela que terá lugar ata o vindeiro 28 de novembro de 2021 e que conta coa colaboración da Xunta de Galicia. Segundo Lete Lasa, “o deporte é unha indiscutible fortaleza, construtor de imaxe, prestixio e reputación, dentro e fóra das nosas fronteiras”.

Neste sentido destacou o “papel chave” da organización e o protocolo na estratexia das organizacións deportivas para establecer unha “óptima relación, máis próxima e por suposto sostible, con todos e cada un dos distintos potenciais destinatarios dos eventos deportivos que se organizan”.

Ao fío desta idea, o mandatario galego subliñou a importancia da “diplomacia deportiva” porque o deporte é “un instrumento extremadamente útil á hora de reconducir tensións e afianzar pontes entre comunidades. O deporte é símbolo de identidade nacional, un paradigma de vigor e fortaleza que involucra ao público e que permite á súa vez, o encontro con outros nun ambiente de cordialidade, de distensión e de fraternal rivalidade e, por suposto, compañeirismo”.
2º Congreso

Tras a primeira edición do congreso, a saúde dos eventos deportivos en España sigue medrando cun aumento significativo de probas tanto a nivel estatal, autonómico como municipal. Deste xeito, é fundamental continuar a formación especializada nun sector en auxe, que axudará e potenciará cada un dos eventos que se leven a cabo, implementando e contribuíndo a mellorar o desenvolvemento dos proxectos que se emprenden para que á súa vez teñan un maior impacto en todos os axentes que neles participan.

Imaxes relacionadas