A Xunta apoia o labor de asesoramento e atención ás mulleres dos 43 CIM da provincia, que operan en 50 concellos con 70 traballadoras

O delegado territorial, Luis López, visita o Centro de Información á Muller da Lama, Cerdedo-Cotobade e Fornelos de Montes con motivo do 25N acompañado do tenente de alcalde, David Carrera

O servizo, dirixido por Adriana Fontaíña e Galiza Aguete, recibe anualmente 60.000€ da Secretaría Xeral da Igualdade para as súas actividades de atención ás mulleres, que chegaron a 861 persoas no que vai de ano

“A Xunta aposta polos CIM pola súa atención ás mulleres achegada ao territorio e incrementou a súa achega nun 11%, pero ademais destina 1,65 millóns por exercicio en transferencias para igualdade a prol dos concellos da provincia”, sinalou Luis López, que participou na lectura do manifesto e o minuto de silencio polas vítimas

A Lama, 25 de novembro de 2021

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego e Igualdade, está a apoiar ao longo deste ano o labor de asesoramento e atención ás mulleres dos 43 Centros de Información á Muller (CIM) da provincia de Pontevedra, que operan en 50 concellos, dando cobertura a máis do 80% do territorio, con 70 traballadoras.
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, concretou as cifras da rede esta mañá nunha visita ao CIM da Lama, que presta os seus servizos de xeito mancomunado cos concellos de Cerdedo-Cotobade e Fornelos de Montes, acompañado do tente de alcalde, David Carrera, con motivo do 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia Contra as Mulleres.
Deste xeito, a Consellería de Emprego e Igualdade respalda economicamente a todos os CIM da provincia de Pontevedra, 37 individuais das entidades locais e 6 baixo o formato de agrupación, cunha achega global de 1,65 millóns de euros, na que tamén se inclúen as accións de sensibilización, prevención da violencia de xénero e conciliación prestadas polos concellos.
“A Xunta de Galicia, dentro das súas moitas políticas de construción e búsqueda da igualdade para as mulleres, aposta decididamente polos CIM, xa que prestan unha atención ás mulleres moi cercana, achegada ao territorio e coñecedora da realidade, polo que este ano incrementamos a nosa contribución nun 11% para o seu funcionamento, que estimamos óptimo”, sinalou Luis López.
O delegado territorial debullou o panorama provincial deste servizo despois de coñecer o funcionamento do CIM da Lama, que atende a tres municipios, nos que residen 4.961 mulleres, baixo a dirección de Adriana Fontaíña e a atención psicolóxica da man de Galiza Aguete.
Este CIM, que funciona dende hai 16 anos, vén de recibir este ano unha achega de 60.000 euros da Xunta de Galicia, o que vén a ser unha das máis elevadas da provincia, ás que se deben engadir máis de 35.000 euros en axudas aos seus concellos adheridos para outras accións de conciliación, prevención da violencia de xénero e sensibilización. Ao longo do presente ano, atendeu a 861 persoas con 265 consultas de asesoramento xurídico, 242 de ámbito psicolóxico e 52 para vítimas de violencias de xénero, entre outras.
“Hoxe é un día simbólico e fundamental na loita pola igualdade das mulleres, xa que aínda quedan moitos chanzos por subir e moitos teitos de cristal por eliminar para acadar unha sociedade en equidade, pero hai unha cuestión primordial neste camiño, que pasa pola erradicación, inexcusable, da violencia contra as mulleres, xa que é algo completamente inadmisible nunha sociedade moderna”, concluiu o delegado territorial, que tamén participou, xunto ás traballadoras do Concello, na lectura da declaración institucional municipal polo 25N e no minuto de silencio polas vítimas da violencia de xénero.

Imaxes relacionadas