Javier Arias súmase cos escolares de Guntín á andaina ‘Camiño ao respecto’ para rexeitar a violencia de xénero

O delegado territorial de Lugo asegura que a Xunta seguirá reforzando as accións de sensibilización, especialmente entre os máis novos, e tamén as medidas de apoio ás vítimas

Guntín (Lugo), 25 de novembro de 2021

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, compartiu hoxe con alumnos e alumnas do CPI Tino Grandío de Guntín unha andaina organizada polo Concello dentro da campaña Camiño ao respecto, promovida polo Goberno galego para chamar a toda a sociedade a expresar a súa repulsa contra a violencia de xénero co gallo do 25-N. Os nenos e nenas formaron grupos para ler un manifesto e recibiron suadoiros co lema Guntín di non. Na actividade tamén participou a alcaldesa, María José Gómez.

Arias salientou que a Xunta seguirá reforzando as accións de sensibilización contra a violencia de xénero en todos os ámbitos e “especialmente entre os máis novos, a través de accións como as xornadas AgressionOff, que veñen de celebrarse esta mesma semana no campus universitario de Lugo co fin de sensibilizar aos estudantes contra a violencia sexual”.

O delegado subliñou que o Goberno galego incrementará nun 14% o vindeiro ano os orzamentos destinados á área de Igualdade, que estarán dotados con 31,4 M€, 13 deles destinados á promoción da igualdade e 18 para loitar contra a violencia de xénero.

Como medidas más salientables de apoio ás mulleres que loitan contra esta lacra, os novos orzamentos incrementan as achegas de pago único e as axudas económicas periódicas para as vítimas, que converten a Galicia na única comunidade que ten artelladas estas prestacións. Así mesmo, a Xunta ampliará os recursos coa posta en marcha de catro centros de atención 24h ás vítimas de agresión sexual, un por provincia.

Imaxes relacionadas