A Xunta amplía nun mes o prazo para que os concellos xustifiquen as axudas para actuacións en materia de residuos ante o atraso no subministro de materiais

As entidades beneficiarias desta orde, convocada o ano pasado, poderán executar os proxectos e entregar a documentación correspondente a 2021 ata o 30 de decembro

Esta decisión súmase ás ampliacións de prazo aprobadas polo IGVS o venres pasado con relación ao programa de fomento da conservación e mellora da accesibilidade en edificios e á orde de axudas para actuacións de eficiencia enerxética en vivendas

Santiago de Compostela, 25 de novembro de 2021

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda daralle aos concellos un mes máis de prazo para poder executar e xustificar os proxectos municipais subvencionados con cargo á orde de axudas para actuacións en materia de residuos, convocada en maio do ano pasado para financiar actuacións a realizar no período 2020-2021.

Así consta na resolución da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático que publica hoxe o DOG. Deste xeito, as entidades locais que resultaran beneficiarias ao abeiro desta convocatoria terán ata o 30 de decembro para completar a execución das actuacións imputables a esta anualidade, así como para presentar ante o organismo autonómico a documentación xustificativa que corresponda.

Con esta decisión, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda responde ás solicitudes de ampliación de prazo recibidas por parte dalgunhas entidades locais ante as dificultades coas que se atopan para cumprir a data fixada inicialmente na convocatoria —o 30 de novembro deste ano— debido á demora que arrastran algúns provedores na entrega de materiais.

A Xunta é consciente das dificultades que está a atravesar o sector da construción, onde a falta de materia prima e man da obra afecta ao ritmo de traballo, atrasando o inicio das actuacións contratadas e alongando os prazos. Por iso, o obxectivo da Consellería pasa por adoptar as medidas necesarias para adaptarse a esta situación e garantir que as axudas que xestiona cheguen ao maior número de beneficiarios posible.

De feito, o pasado venres o Instituto Galego da Vivenda e Solo tamén decidiu estender o prazo para executar e xustificar as obras subvencionadas con cargo ao programa de fomento da conservación, mellora da seguridade e accesibilidade en vivendas e edificios —os beneficiarios terán 10 meses máis, ata o 30 de setembro de 2022— así como ampliar nun mes —ata o 30 de decembro deste ano— a presentación da documentación das axudas para obras de rehabilitación enerxética en edificios existentes.