A Xunta inicia hoxe o novo contrato de concesión das estacións de autobuses de Monforte de Lemos, Sarria e o Barco de Valdeorras, cun investimento de máis de 811.000€

A concesión, cunha vixencia de 5 anos, comeza unha vez finalizados os contratos de explotación do servizo público destas tres estacións de autobuses

O concesionario prestará os servizos aos usuarios e aos transportistas, como asistencia na facturación, consigna e venda de billetes
 

Santiago de Compostela, 25 de novembro de 2021

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade inicia hoxe o novo contrato de concesión das estacións de autobuses de Monforte de Lemos, de Sarria e do Barco de Valdeorras, por un valor estimado de máis de 811.000 euros (sen IVE).

Este contrato foi adxudicado á UTE formada polas empresas Monforte S.A.U, Mantenimientos y Servicios de Galicia S.L e Autobuses Urbanos de Ponferrada S.A.

A nova concesión, que terá unha vixencia de 5 anos, comeza unha vez finalizados os contratos de concesión de servizos para a xestión da explotación do servizo público destas tres estacións de autobuses.

Estas terminais rexistran un número anual de viaxeiros que ascende a 214.267 e un total de 65.170 expedicións ao ano.

O concesionario facilitará os servizos preparatorios e complementarios do transporte a usuarios e transportistas e proporcionará os servizos de facturación, consigna, venda de billetes e información ao viaxeiro.

O adxudicatario do contrato tamén deberá cumprir coas tarefas de conservación e mantemento das instalacións.

Mellora das estacións

Previamente á licitación dos novos contratos de xestión da explotación destas estacións, a Xunta realizou actuacións de mellora en varias destas terminais.

As actuacións realizadas foron executadas durante os anos 2019 e 2021 no marco das obras de renovación e mellora de cinco estacións de autobuses da provincia de Lugo, nas que se incluíron, ademais da de Burela, a de Ribadeo e a de Viveiro, as terminais de Monforte de Lemos e de Sarria. O investimento autonómico conxunto nestas intervencións acadou os 732.000 euros.

As obras tiñan por obxectivo proporcionarlles aos usuarios do transporte público en autobús unhas instalacións máis cómodas e eficientes e con máis información sobre horarios, servizos e liñas dispoñibles.

As intervencións incluíron reparacións puntuais e melloras nas cubertas das terminais de autobuses, coa renovación de pavimentos, principalmente nas zonas máis deterioradas, como é o caso da zona de circulación de autobuses.

Tamén se incluíron melloras nas instalacións eléctricas e na iluminación, o arranxo de falsos teitos ou dos aseos e a dotación de equipamento, como pantallas de información ou novo mobiliario para facer máis cómoda a espera de viaxeiros.