O presidente da Xunta asistiu esta tarde á inauguración do 42º Congreso Nacional da Sociedad Española de Medicina Interna e 37º Congreso da Sociedade Galega de Medicina Interna

Feijóo salienta os avances cara a un novo modelo asistencial máis próximo e centrado no paciente cun Plan de Hospitalización a domicilio que chega xa ao 81% dos galegos

Precisa que só en 2020 o número de ingresos rexistrados neste servizo foi de máis de 6.000

Subliña que desde a posta en marcha da plataforma TELEA, máis de 300.000 pacientes foron monitorizados con estes sistema, ademais dos 100.000 pacientes COVID e os 200.000 contactos estreitos

Afirma que a Xunta está a traballar para utilizar as ferramentas de intelixencia artificial ou o uso de macrodatos nos sistemas de vixilancia epidemiolóxica, na detección de enfermidades raras ou na valoración de terapias

Resalta tamén o compromiso coa ampliación do número de unidades multidisciplinares, coa posta en marcha das Unidades PostCovid, nas que xa se realizaron máis de 5.000 consultas; e as unidades de enfermidades raras, previstas na Estratexia Galega para estas doenzas

Incide na necesidade de que se convoquen todas as prazas vacantes desde 2010 para facer unha oferta pública de emprego extraordinaria: “Necesitamos ampliar as prazas MIR e facer algunha convocatoria extraordinaria para determinadas especialidades e reforzar a labor dos titores en R1 e en Atención Primaria”, remarca
 

Santiago de Compostela, 24 de novembro de 2021

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe os avances cara a un novo modelo asistencial máis próximo e centrado no paciente, cun Plan de Hospitalización a domicilio que chega xa ao 81% dos galegos.

Durante a inauguración do 42º Congreso Nacional da Sociedad Española de Medicina Interna e 37º Congreso da Sociedade Galega de Medicina Interna, Feijóo precisou que Galicia dispón de unidades deste tipo nos 14 hospitais públicos; e só en 2020 o número de ingresos rexistrados neste servizo foi de máis de 6.000.

“Estamos a falar dun servizo que permite que o paciente siga o tratamento na súa propia casa sen ter que pasar longas estadías no hospital, o que reduce os riscos asociados a un ingreso hospitalario en pacientes fráxiles, como as infeccións ou episodios de desorientación”, precisou.

Con este obxectivo, o titular do Goberno galego salientou que a Xunta leva investidos máis de 100 millóns de euros en innovación na última década, ata converterse nun referente no eido da telemedicina. Non en van, a través da plataforma TELEA aténdense tamén a outros pacientes como diabéticos, hipertensos, enfermos de EPOC ou con insuficiencia cardíaca.

Cómpre resaltar que, desde a súa posta en marcha, máis de 300.000 pacientes foron monitorizados con este sistema, ademais dos 100.000 pacientes COVID e os 200.000 contactos estreitos.

Así mesmo, subliñou que máis alá da telemedicina, a Xunta está a traballar para utilizar as ferramentas de intelixencia artificial ou o uso de macrodatos nos sistemas de vixilancia epidemiolóxica, na detección de enfermidades raras ou na valoración de terapias.

Logo de recoñecer que grazas ao traballo previo e a aposta pola innovación, Galicia puido adaptarse mellor e máis rápido ás esixencias da pandemia -coa posta en marcha, por exemplo, da identificación a través de códigos QR ou os sistemas de autocitas, e traballando en rede con farmacias-, Feijóo concluíu resaltando, tamén, o compromiso da Xunta coa ampliación do número de unidades multidisciplinares coa a aprobación, este mesmo mes, da orde que regula a súa creación e funcionamento.

Sobre este punto, destacou a posta en marcha das Unidades PostCovid, nas que xa se realizaron máis de 5.000 consultas; e as unidades de enfermidades raras, previstas na Estratexia Galega para estas doenzas, que afectan a máis de 2.400 pacientes na Comunidade, co obxectivo de reducir os prazos de diagnóstico, reforzar o peso de Atención Primaria e fortalecer o traballo en rede.

Feijóo concluíu incidindo na necesidade de que se convoquen todas as prazas vacantes desde 2010 para facer unha oferta pública de emprego extraordinaria: “Necesitamos ampliar as prazas MIR e facer algunha convocatoria extraordinaria para determinadas especialidades e reforzar a labor dos titores en R1 e en Atención Primaria”, recalcou.
 

Imaxes relacionadas