A Xunta destaca en Pontevedra o reforzo do apoio xudicial e asistencial ás vítimas da violencia de xénero para garantir os seus dereitos e protección

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, e o director xeral de Xustiza, Juan José Martín, participaron hoxe en Pontevedra na presentación do coloquio ‘Que é a violencia de xénero desde a perspectiva asistencial, policial e xudicial’

Unhas 90 mulleres e 150 profesionais beneficiaranse este ano do reforzo da asistencia xurídica a vítimas antes e durante o procedemento e da formación especializada
 

Pontevedra, 24 de novembro de 2021

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, e o director xeral de Xustiza, Juan José Martín, participaron hoxe en Pontevedra na presentación do coloquio Que é violencia de xénero desde a perspectiva asistencial, policial e xudicial, unha iniciativa organizada polo Club Cisne Balonmano con motivo mañá do 25 de novembro, o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller.
López Abella destacou as medidas activadas pola Xunta de Galicia para reforzar o apoio xudicial ás mulleres vítimas da violencia de xénero, que abranguen desde quendas de garda psicolóxica, servizos de asesoramento e apoio ás persoas letradas na súa especialización, ata a personación directa como acción popular nos procedementos penais en casos de morte por esta lacra.
“O acceso á xustiza das vítimas de violencia de xénero e a protección das mesmas están garantidas polas normas de aplicación”, especificou a secretaria xeral, que quixo facer énfase en que para protección das mulleres, estanse a empregar os recursos necesarios, que teñen por base e financiación o Pacto de Estado na materia. “A violencia de xénero é unha cuestión transversal, que implica a toda a organización da Xunta”, especificou.
Na mesma liña, explicou que este ano un total de 90 mulleres e 150 profesionais beneficiaranse dos apoios previstos, cun investimento de 390.000 euros, para reforzar a asistencia xurídica das mulleres vítimas de violencia de xénero (incluídas as de violencia sexual) no acceso á asistencia xurídica gratuíta antes e durante o procedemento xudicial.
Esta medida procede dun convenio asinado entre a Consellería e Emprego e Igualdade e a Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo, no marco do cal tamén se amplía a formación especializada na materia de avogados e procuradores.
A Xunta mantén activo, por outra banda, unha quenda de garda psicolóxica especializada e permanente que este ano pretende servir a 90 mulleres e os seus fillos e fillas menores en situación de violencia de xénero. Este mecanismo, que forma parte das medidas desenvolvidas na comunidade, grazas ao Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, ten carácter inmediato para as situacións de urxencia e préstase a requirimento das forzas e corpos de seguridade en toda Galicia.
Outra quenda, de garda social, froito do convenio asinado co Colexio de Traballo Social, atende as necesidades urxentes dunhas 60 mulleres antes de que remate o ano, en materia de apoio social, atención en crise ou asistencial.
Tal e como lembrou López Abella, a Xunta facilita tamén servizo de intérpretes e apoio a mulleres vítimas con discapacidade auditiva e/ou visual. Grazas a un convenio coa Federación de Asociacións de Persoas Xordas (FAXPG) contan con axuda desde o momento mesmo de presentación da denuncia.
Na súa intervención, a secretaria xeral lembrou que os 84 Centros de Información á Muller atenderon en 2020 máis de 76.000 consultas, na meirande parte nas áreas de atención psicolóxica e xurídica. Os propios profesionais realizan acompañamento ás vítimas no ámbito xudicial. Ademais a Xunta ven de ampliar as oficinas de atención ás vítimas en sede xudicial existentes na Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Ferrol, Santiago e Vigo aos que se incorporaron sete traballadores sociais máis.
A Xunta complementa o apoio xurídico ás mulleres vítimas coa implantación de dispositivos de alarma (103 en 2020) e os servizos telefónicos 900400273 de atención 24h ás mulleres (3.336 chamadas en 2020) e de atención e protección para vítimas (Atenpro) que en 2020 rexistrou 622 altas na comunidade.

Xulgados especializados

Pola súa banda, o director xeral de Xustiza, Juan José Martín, salientou a importancia da creación dos xulgados de violencia de xénero e a formación dos axentes xudiciais na materia en cumprimento da atención integral á vítima que recolle a lei orgánica 1/2004, co obxectivo de “rematar cunha desigualdade histórica entre os homes e as mulleres”. Juan José Martín incidiu en que a finalidade dos xulgados especializados é a de evitar que a violencia de xénero se tratara “de xeito disperso” entre distintos xulgados, ademais de concentrar a materia penal e a civil.
O director xeral de Xustiza salientou o esforzo da Xunta de Galicia, nas funcións que lle competen, por dotar aos xulgados de violencia da muller de medios e de persoal suficiente para o cumprimento do seu labor. “A Xunta a día de hoxe mantén nos xulgados de violencia das sete cidades un total de 8 reforzos e 13 prolongacións de xornada”. Estas medidas supoñen un investimento en persoal de 300.000 euros anuais a maiores do cadro correspondente do órgano xudicial.

Imaxes relacionadas