A Xunta destaca a importancia do papel dos GES no sistema de atención ás emerxencias

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, visitou hoxe aos efectivos do GES de Cervo que atende as incidencias deste concello e das de Alfoz, Foz, O Valadouro, Burela e Xove

A Xunta leva investidos máis de 142.000 euros no funcionamento e o reforzo de equipamento dos servizos de emerxencias do concello de Cervo

Cervo (Lugo), 24 de novembro de 2021

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, visitou hoxe aos efectivos do GES de A Mariña Central-Occidental con base en Cervo que atende as incidencias deste concello, así como as dos municipios de Alfoz, Foz, O Valadouro, Burela e Xove. Na súa visita destacou a importancia do papel dos GES no sistema de atención ás emerxencias e lembrou o compromiso do Goberno galego na dotación de equipamento aos servizos de emerxencias das entidades locais.

Así, a Xunta destinou nos últimos anos máis de 20 millóns de euros en material cedido aos concellos para que os seus servizos de emerxencias poidan levar a cabo con seguridade as súas intervencións. Desta contía, máis de 11 millóns de euros empregáronse en reforzar o equipamento das Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil (AVPC) da comunidade e outros 7 millóns para os GES. No caso dos servizos de emerxencias de Cervo, o investimento acada os 142.000 euros na mellora do funcionamento e a dotación de equipamento do GES e da AVPC do concello.

Entre o equipamento cedido pola Xunta ao municipio de Cervo nos últimos anos inclúese un todocamiño tipo pick-up, un furgón de emerxencias, unha moto acuática, un equipo de excarceración, un detector de gases, un desfibrilador, terminais tetra con GPS e un traxe e unha pértega para actuacións con niños de velutina.

A Xunta convoca ademais cada ano dúas ordes de axudas para mellorar o equipamento e para os gastos de funcionamento das Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil. No caso da AVPC de Cervo o investimento realizado nos últimos anos ascende a máis de 6.200 euros.

Ademais de colaborar cos concellos en equipar aos seus servizos de emerxencias, a Xunta tamén forma aos seus efectivos na Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP) e no caso dos GES asume tamén máis da metade dos seus custos de funcionamento, con máis de 40 millóns de euros investidos nos últimos anos.

Imaxes relacionadas