Xunta e Concello de Carballo cooperarán para mellorar as infraestruturas sanitarias da localidade

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, vén de reunirse co alcalde de Carballo para abordar os pasos a dar co obxecto de executar a actuación prevista para o concello na fase 1 do Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria

A proposta da Xunta é a de incrementar en 1.820 m2 a edificabilidade do actual centro de saúde para amplialo e convertelo nun Centro Integral de Saúde para a comarca de Begantiños

A Coruña, 24 de novembro de 2021

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, acompañado polo delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trénor, e o xerente da área sanitaria da Coruña e Cee, Luis Verde, mantivo hoxe unha reunión co alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, na que dialogaron sobre os pasos a dar para executar a actuación prevista para este concello na fase 1 do Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria aprobado polo Consello da Xunta.

Na reunión, á que asistiron tamén a directora xeral de Recursos Económicos do Sergas, María Jesús Piñeiro, e técnicos autonómicos e municipais, o conselleiro expuxo ao alcalde a proposta de incrementar en 1.820 m2 a edificabilidade do actual centro de saúde de Carballo e proceder á reforma e ampliación do mesmo para a súa transformación nun novo Centro Integral de Saúde para a comarca de Bergantiños.

O conselleiro expuxo que, durante o procedemento de elaboración do Plan de Infraestruturas de Atención Primaria, a colaboración da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a través do seu Instituto de Estudos do Territorio, serviu para elaborar un mapa de isocronas e detectar as áreas de maior poboación máis afastadas dun centro hospitalario e, por tanto, candidatas á instalación dun Centro Integral de Saúde. Este traballo identificou a comarca do Deza (na que xa está en execución este centro), xunto coas de Morrazo, Baixo Miño, e Bergantiños, para as que o novo Plan ofrece alternativas. Nomeadamente, en Bergantiños, a través desta opción.

Así, a alternativa formulada pola Xunta escolle Carballo como cabeceira para este CIS de vocación comarcal e baséase nun plan funcional que prevé non só o incremento das consultas de adultos, pediatría, docencia, saúde mental ou PAC, senón, tamén, ampliar a área de fisioterapia, mellorar a funcionalidade da de radioloxía, crear unha área integral da muller con consulta de rehabilitación do solo pélvico, albergar consultas especializadas de reumatoloxía, oftalmoloxía ou cirurxía xeral e dixestiva e, de xeito especialmente sinalado pola necesidade de espazo que leva aparellada, a creación dunha área integral de hemodiálise con 25 postos, que evitará desprazamentos de pacientes ao hospital.

Asemade, o conselleiro destacou que o proxecto de Orzamentos da Xunta de Galicia para 2022 contempla, dentro da partida de 4,2 millóns de euros destinada a reformas e melloras de centros de saúde, unha reserva de 600.000 euros para acometer a primeira anualidade desta infraestrutura, licitando o proxecto e iniciando a obra desta ampliación e transformación en CIS do centro carballés.

Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria

A reunión prodúcese en resposta á carta enviada polo conselleiro de Sanidade a comezos deste mes ao alcalde de Carballo, para activar o proxecto de ampliación deste centro contemplado na fase 1 do Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria, aprobado polo Consello da Xunta. Seguindo o procedemento habitual na posta en marcha destas infraestruturas, na misiva solicitouse do concello a pronta achega dunha parcela viable para axilizar o proceso administrativo de licitación de proxecto e obra e de posta en funcionamento desta actuación.

Nese sentido, o conselleiro ofreceulle ao representante municipal a colaboración do persoal técnico dos servizos de obras do Sergas, para axudar na avaliación daquelas propostas urbanísticas que permitan axilizar a dispoñibilidade dos terreos que permitan este proxecto de ampliación.

Imaxes relacionadas