A Xunta adxudica por máis de 48.000 euros a execución de beirarrúas na estrada AC-193 no Casal, no concello de Cortegada

As actuacións comezarán nas vindeiras semanas e terán un prazo de execución de 4 meses

O obxectivo é mellorar a seguridade e a accesibilidade na zona construíndo un tramo de beirarrúa entre os puntos quilométricos 0+560 e 0+570

As beirarrúas desenvolveranse pola marxe esquerda da vía, dispoñendo tamén unha senda-cuneta entre os puntos 0+605 e 0+820

A Xunta continúa traballando na mellora da rede viaria co fin de proporcionarlle aos cidadáns unhas estradas eficientes e seguras

Santiago de Compostela, 24 de novembro de 2021

A Xunta adxudica as obras de execución de beirarrúas na estrada OU-193 no Casal, no concello de Cortegada.

As actuacións, adxudicadas á empresa Benito Bastos S.A. por un importe de máis de 48.000 euros, comezarán nas vindeiras semanas e terán un prazo de 4 meses.

O obxectivo é mellorar a seguridade viaria e a accesibilidade na zona mediante a execución dun novo tramo de beirarrúa de 10 metros de lonxitude, entre os puntos quilométricos 0+560 e 0+570.

As novas beirarrúas conectarán coas existentes, dispoñendo tamén unha senda-cuneta de 215 metros de lonxitude entre os puntos quilométricos 0+605 e 0+820.

Esta intervención desenvolverase pola marxe esquerda da estrada e dentro da franxa de dominio público, polo que non será necesario efectuar expropiacións.

O proxecto tamén inclúe un colector de drenaxe baixo ambos os treitos de beirarrúa e cuneta. Tamén se aproveitará esta actuación para executar a obra civil de canalización de iluminación.

A Xunta continúa traballando na mellora da rede viaria autonómica co fin de proporcionarlle aos cidadáns unhas estradas eficientes e seguras.