A Xunta destaca o compromiso de Refractarios Campo cunha minería sostible

A directora xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Paula Uría, visitou esta mañá en Sanxenxo as instalacións desta empresa que vén de recibir dúas certificacións oficiais polo seu labor

Ratifica o compromiso do Goberno galego cunha minería sostible e avanza un 40% máis de fondos en 2022 para o aproveitamento dos recursos naturais
 

Sanxenxo (Pontevedra), 24 de novembro de 2021

A directora xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Paula Uría, visitou esta mañá en Sanxenxo as instalacións de Refractarios Campo, onde puxo esta empresa como exemplo de compromiso cunha minaría sostible.

Refractarios Campo obtivo dúas certificacións oficiais: a correspondente ao sistema de xestión mineiro-metalúrxico (UNE 22480:2019) e a de sistema de xestión ambiental (UNE-EN ISO 140001:2015), polo que a directora xeral quixo salientar o esforzo da empresa por dar este importante paso.

Neste sentido, Uría tamén agradeceu o seu labor á Cámara Oficial Mineira de Galicia, coa que a Xunta traballa, a través dun convenio, para, entre outras cuestións, promover a implantación da UNE 22480 nas empresas mineiras galegas co obxectivo de alcanzar un maior compromiso coa sostibilidade neste sector. De feito, xa hai 11 empresas mineiras galegas que se decidiron a dar este paso e Galicia agarda seguir sumando máis co obxectivo de converterse na comunidade con maior número de compañías mineiras certificadas na norma de xestión mineira sostible.

A directora xeral insistiu no compromiso da Xunta coa defensa dunha minaría sostible que permita un desenvolvemento industrial compatible co medio natural, que favoreza o emprego de calidade e xere oportunidades económicas e sociais no rural. Así, os orzamentos de 2022 reservan un 40% máis de fondos para as partidas destinadas ao aproveitamento sostible dos recursos naturais.
 

Imaxes relacionadas